Os motivos polos que o Celta se verá de novo 'obrigado' a vender por valor de máis de 30 millóns
O Celta vive un dos mellores momentos da súa historia recente. Os vigueses están a disputar esta tempada a Europa League despois de finalizar na sexta posición na última Liga. Ademais, teñen un equipo cheo de canteiráns galegos e liderados por Claudio Giráldez. A nivel social, a conexión coa bancada é máis forte ca nunca, levando o nome da Galiza por todo o continente. Economicamente é un dos clubs máis saneados de todo o país, aínda que acumula tres exercicios presentando perdas económicas e, para o presente, prevé a necesidade de ingresar máis de 30 millóns de euros en vendas de xogadores por cuarto verán consecutivo.
Moitos seareiros e seareiras celestes pregúntanse como é posíbel que un dos equipos máis estábeis da Liga teña que verse obrigado, de novo, a traspasar un ou varios dos seus mellores futbolistas para cadrar as contas. En 2023 o elixido foi Gabri Veiga, por máis de 30 millóns de euros; doce meses despois foi Strand Larsen, por unha cantidade similar, mentres que en 2025 foron Fer López e Tasos Douvikas, por case 40 millóns. E, a pesar diso, non foi suficiente ningún ano para presentar números positivos nas súas contas.
Son varios os motivos que explican esta necesidade en 2026. O primeiro e máis obvio é que o club non está a xerar os ingresos necesarios que lle permitan igualar os gastos que ten. Principalmente, non se está a ingresar todo o diñeiro previsto na venda de xogadores. Para pór un exemplo próximo: o Celta traspasou ao longo de 2025 futbolistas por algo máis de 40 millóns de euros, pero só ingresou ao redor de 26, unha diferenza que prexudica a súa economía. Isto ocorre porque unha porcentaxe de cada traspaso acaba nos petos de axentes ou antigos clubs, polo que o beneficio en A Sede é moito menor ao que se asina na operación.
Ademais, outras partidas marcadas nos orzamentos tamén deron menos beneficios dos esperados. As malas tempadas que asinou o Celta durante os anos previos á clasificación europea fixéronlle perder posicións no reparto que fai LaLiga do contrato televisivo, a gran fonte de ingresos de todos os clubs. Iso lastrou as súas finanzas, aínda que tamén é certo que as ganancias por venda de abonos e entradas foron superiores ás previstas inicialmente.
O outro gran motivo polo que o Celta debe lograr grandes ingresos antes do 30 de xuño, sendo a venda de xogadores a forma máis directa, ten a súa orixe en 2023. O traspaso de Gabri Veiga ao Al-Ahli de Arabia Saudí permitiu aos vigueses ampliar de maneira considerábel o seu límite salarial e inscribir todas as fichaxes que fixo ese mesmo verán, cando Luis Campos, daquela director deportivo do equipo, culminou a revolución que iniciara un ano antes.
O que aquel verán foi unha solución converteuse nun problema a medio e longo prazo que aínda hoxe castiga o club. A Liga permite ampliar o límite salarial do cadro de xogadores nun verán no que hai ingresos extraordinarios, como foi o caso da venda de Gabri Veiga por máis de 30 millóns de euros, pero se os clubs queren manter ese aumento unha tempada despois, deben converter eses ingresos extraordinarios en ordinarios. É dicir, os 30 millóns de euros gañados polo traspaso do porriñés tiñan que chegar de calquera forma en 2024. Por iso foi vendido Strand Larsen ese verán e pola mesma razón saíron Douvikas e Fer López en 2025, para poder manter o límite salarial.
Deste modo, o Celta necesitará seguir vendendo en 2026 por dúas razóns: unha puramente económica e outra deportiva. O club pode dar perdas, como calquera empresa, e seguir funcionando, pero os dirixentes queren rematar xa coa serie de tres exercicios con números vermellos, e por iso precisan esas vendas. A segunda é que, para manter un plantel competitivo, necesitan seguir xerando eses ingresos extraordinarios que comezaron en 2023.
Unha posíbel solución
Iso si, non todo se reduce a conseguir unha ou varias vendas importantes. O obxectivo da entidade é lograr eses millóns extraordinarios, pero non lle importa como cheguen sempre que o fagan antes do 30 de xuño, data en que fechan os exercicios económicos nos clubs. Os beneficios poden aparecer por outras vías e esta tempada o Celta ten unha que lle pode encher a conta bancaria: a Europa League. No orzamento aprobado esta mesma semana o equipo vigués fixo unha previsión modesta da súa participación en competicións europeas. Nel, figura que quedará eliminado na fase de liga, a que está a disputar até o de agora. Con todo, a súa actuación está a ser boa e está perto de conseguir a clasificación para as eliminatorias que comezarán en febreiro. Se o logra, a UEFA repartiralle millóns segundo avance de rolda; canto máis lonxe chegue, máis diñeiro gañará. De feito, xa conseguiu máis dun millón polas tres vitorias que suma até o momento.
Se, por exemplo, o Celta chega aos cuartos de final da Europa League e os seus ingresos ascenden a 15 millóns de euros, ese diñeiro descontarase dos máis de 30 que debe ingresar antes do 30 de xuño e as vendas de xogadores non serán tan relevantes. Se, polo contrario, non o consegue, deberá traspasar algún dos seus mellores futbolistas, e aí aparecen os nomes de Ilaix Moriba, Williot Swedberg, Hugo Sotelo ou Javi Rodríguez como os principais candidatos a seren a próxima gran venda dos vigueses.
O límite salarial, un alivio para a próxima tempada
Que o Celta teña esta tempada o orzamento máis alto da súa historia tamén repercute de maneira directa no aspecto deportivo, ao contar tamén co cadro de xogadores máis caro de sempre. En A Sede fixeron un esforzo co seu regreso a Europa e elevaron o límite salarial até pouco máis de 90 millóns de euros, unha cifra excepcional e que non só non se repetirá na 2026-27, senón que baixará considerabelmente salvo que se repita unha clasificación para a Europa League. A idea que manexa o club é a de reducir a curto prazo o seu gasto no plantel até os 70 millóns de euros por tempada, é dicir, 20 menos que na actualidade. Ese descenso tan importante poderase levar a cabo entre 2026 e 2027 grazas a que o Celta verá aliviada a súa masa salarial sen case ter que facer moitas operacións e simplemente deixando que pase o tempo ao seu favor. É aquí onde aparecen nomes como os de Rafa Benítez, Fran Beltrán, Cervi ou Aidoo, entre outros.
A pesar de que o equipo vigués cesou Benítez en marzo de 2024, hai case dous anos, o seu despedimento segue a facer dano á súa economía. O adestrador e os seus axudantes tiñan un contrato por tres tempadas duns 20 millóns de euros en total que, obviamente, recibiu na súa totalidade. O Celta repartiuno en tres tempadas, a razón duns 6,5 millóns en cada unha delas, que van directamente ao límite salarial aínda que hai moito que o técnico non está en Vigo. Ese pago rematará en xuño.
Outros 10-12 millóns que vai aforrar o Celta chegarán cos catro xogadores que rematan contrato e que case con total seguridade non van renovar. Son os casos de Aidoo, Cervi, Beltrán e Ristic, cuxos salarios están na zona media da escala salarial. Un alivio que axudará o Celta a axustarse a un límite salarial máis reducido.