O Celta mostra músculo e mira ao futuro con ilusión e coa Galiza moi presente

O Celta presentou esta segunda feira as súas contas para esta tempada, cun orzamento récord de 125 millóns, e aprobou as do curso pasado, o terceiro seguido con perdas. Tamén profundou no seu plan mestre, que mestura a competitividade deportiva, a conexión co celtismo e a consistencia económica. 
Reunión da Xunta de Accionistas do RC Celta, esta segunda feira 1 de decembro, na sede do club en Vigo. (Foto: R. C. Celta)
Reunión da Xunta de Accionistas do RC Celta, esta segunda feira 1 de decembro, na sede do club en Vigo. (Foto: R. C. Celta)

O Celta vive un bo momento, sobre todo no aspecto deportivo. O equipo suma 14 tempadas seguidas en Primeira División, este curso está a disputar competicións europeas e na Liga atópase nunha situación tranquila. A pesar diso, no club saben que poden dar máis, tanto no céspede como nos despachos. Esta segunda feira mesmo presentaron as súas contas para o presente exercicio e aprobaron as do pasado, o terceiro consecutivo no que rexistraron perdas, algo que pode repetirse o próximo 1 de xullo se non conseguen ingresos importantes.

Pero no Celta non só importa a economía. O seu plan mestre sostense sobre outras dúas patas ás que o club lles dá moita importancia: competitividade deportiva e conexión coa terra, coa Galiza. O primeiro punto vai estreitamente ligado co aspecto financeiro, xa que un equipo en Primeira e en Europa evitará ter que facer vendas importantes todos os veráns. O segundo é algo do que o Celta se sente especialmente satisfeito. “É a terceira Xunta que presido e teño moita ilusión por ver a conexión que temos co celtismo”, apuntou a presidenta, Marián Mouriño.

O Celta foi conservador coa Europa League e só orzou ingresos pola primeira fase

Ela mesma iniciou a asemblea cun discurso no que fixo un repaso pola situación actual do club, destacando o crecemento deportivo dos diferentes equipos que ten a entidade, tanto masculinos como femininos. Tamén quixo profundar na boa saúde financeira que reina no Celta, cun proxecto como epicentro dos próximos pasos que están a dar desde A Sede.

“No ámbito económico seguimos traballando para conseguir a consistencia económica. O club é solvente e afrontamos o futuro con ilusión. Estamos a piques de dar un salto co proxecto máis ambicioso da nosa historia, Galicia 360. Impulsará o crecemento da nosa canteira, a formación e a innovación. Quero aproveitar esta xunta para abrir parte deste financiamento aos celtistas para que sexan parte deste crecemento”, anunciou a mandataria

No que respecta estritamente á Xunta Xeral de Accionistas, o Celta aprobou por ampla maioría –a familia Mouriño posúe perto de 70% das accións do club– as contas da tempada pasada, que se saldaron cunhas perdas de 4,6 millóns de euros. É o terceiro exercicio consecutivo en números vermellos, xa que na campaña anterior, a 2023-24, o resultado foi de 7,5 millóns de euros de perdas, mentres que na 2022-23 chegaron até os 13 millóns de euros.

Estas perdas explícanse, sobre todo, porque o Celta ingresou moito menos diñeiro pola venda de xogadores do inicialmente previsto. Na súa caixa apenas entraron 26,5 millóns de euros polos traspasos de Fer López, Jonathan Bamba ou Tasos Douvikas, aínda que inicialmente se prevían xerar ao redor de 35 millóns de euros. Tamén se recibiu menos diñeiro polos dereitos televisivos debido ás malas clasificacións en Liga nas tempadas anteriores.

Venda de xogadores

Para evitar que isto volva ocorrer, o Celta prevé ingresar ao redor de 125 millóns de euros nesta tempada, o que inclúe, segundo as primeiras previsións, unha ou varias vendas de xogadores que sumen uns 34 millóns de euros, unha cifra moi elevada que pode sufrir variacións en función de diferentes variábeis, como pode ser, sobre todo, o camiño que percorra na Europa League, onde a UEFA entrega diñeiro en función do rendemento deportivo.

Neste punto, ademais, o club foi moi conservador e tan só orzou ingresos pola primeira fase da competición. É dicir, prevé quedar eliminado na actual liguiña que remata o próximo mes de xaneiro. A súa participación, polo de agora, está a ser bastante boa e parece lóxico pensar que o equipo estará nas roldas eliminatorias de febreiro, polo que todo o diñeiro que reciba a partir de aí irá directamente ao apartado de ingresos extraordinarios. De feito, polas tres vitorias que leva até o momento xa recibiu case un millón de euros.

O club fechou por terceiro ano seguido con perdas

Noutros apartados importantes da súa economía, a entidade pode sentirse orgullosa do conseguido na última tempada, sobre todo no referente á cifra de negocio, un apartado que o club quixo potenciar nos últimos anos e onde o seu futuro é esperanzador grazas ao ambicioso proxecto Galicia 360, un complexo deportivo e académico que busca ser unha referencia en toda Galiza.

Neste sentido, o Celta conseguiu un aumento de 24% nos ingresos ordinarios por publicidade respecto ao que gañou a tempada anterior, un 19% máis en todo o relacionado cos seus abonados e abonadas, ou un incremento de 18% na venda de entradas e palcos VIP, co condicionante da perda de capacidade de Balaídos desde marzo polas obras que afectan a bancada de Gol e que se prolongarán até 2027.

Conexión coa Galiza

Durante toda a asemblea, tanto a presidenta como outros dirixentes fixeron fincapé na relación coa afección e coa terra, parte esencial do crecemento social do club nos últimos anos. “Cando asumín a presidencia do Celta, fíxeno co obxectivo de afianzarnos nas nosas raíces. O Celta converteuse nun símbolo de pertenza e podemos estar orgullosos de representar Galiza, o noso entroido, as nosas vendimas ou a nosa música. Da tempada pasada quedo coa conexión co celtismo, unha comuñón que se viu reflectida no último partido na casa ou nun Coliseum [Xetafe] que se tinguía de celeste”, comentou Mouriño, quen tamén destacou a cifra de 40.000 celtistas con carné alcanzada a pasada semana.

A canteira como epicentro do modelo deportivo

Marco Garcés, director deportivo do Celta, tamén abordou a actualidade puramente deportiva do conxunto vigués, que o ano pasado tivo poucos movementos, aínda que de callado. O mexicano explicou a política de fichaxes que ten a entidade e valorou a importancia da canteira no presente e futuro do club, destacando que con ela se chegou a xogar competicións europeas na presente tempada. No curso 2024-25 o Celta conseguiu vendas importantes como as de Tasos Douvikas, que asinou polo Como italiano, Fer López, que puxo rumbo ao Wolverhampton inglés, ou Jonathan Bamba, que marchou ao Chicago Fire, da MLS. A súa marcha axudou á delicada economía do equipo, que fechou tamén fichaxes e renovacións que fixeron aumentar a masa salarial até case 90 millóns de euros, a máis alta da historia do Celta.

Actualmente, o Celta ten 16 xogadores en dinámica do primeiro equipo –Javi Rodríguez, Yoel Lago e Jones El-Abdellaoui teñen ficha do filial— que no pasado xogaron no Fortuna, sendo unha decena canteiráns con longo percorrido nas categorías inferiores do club. O equipo vigués decidiu dar un xiro á súa política de fichaxes e dar oportunidades aos novos valores da Madroa, e varios, como Ángel Arcos ou Óscar Marcos, xa debutaron esta tempada.

O próximo verán tamén será de austeridade, co obxectivo de seguir sendo competitivos en Primeira aínda que sen perder de vista a necesidade de vender xogadores. O Celta volverá traspasar por máis diñeiro do que gaste en fichaxes, cubrindo algunhas saídas importantes con canteiráns que elixa Claudio Giráldez. Ademais, buscaranse no mercado xogadores que rematen contrato o próximo 30 de xuño, como foi o caso do romanés Ionut Radu o pasado verán.

Comentarios