O Celta sálvase polos penaltis: "Sufrimos máis do agardado"

Ferran Jutglà, este 4 de decembro no Camp Narcís Sala, en Sant Andreu. (Foto: AFP7 / Europa Press)
O Celta sufriu máis do esperado para superar un Sant Andreu descomunal nun Narcís Sala ateigado e entregado ao seu equipo. O conxunto catalán levou o partido á prórroga e obrigou os celestes a decidir desde os once metros unha eliminatoria que se resolveu coa agónica clasificación viguesa.

O Celta tivo que executar sete penaltis para superar unha segunda eliminatoria da Copa que se lle fixo eterna ante un enorme Sant Andreu, equipo de Segunda Federación que estivo moi perto de eliminar un rival de Primeira. Nun Narcís Sala abarrotado, vibrante e entregado ao seu equipo, os cataláns puxeron contra as cordas un Celta que non conseguiu evitar unha prórroga na que ocorreu todo o decisivo do encontro.

"Sabiamos que ían ser un campo e un rival moi complexos, cun ambiente espectacular. Coido que o equipo foi capaz de entender que nesta competición todo se iguala. Sufrimos máis do agardado pero creo que o equipo se mantivo firme e convencido de que podiamos pasar", recoñeceu Claudio Giráldez ao remate do encontro.

A bancada do estadio barcelonés converteuse nun actor máis do partido: non deixou de animar nin un só minuto, cun ambiente propio das grandes noites copeiras. Entre o público destacaron, ademais, figuras recoñecidas da política catalá como Oriol Junqueras ou Míriam Nogueras, que non quixeron perder a cita histórica.

Claudio Giráldez apostou por un once con experiencia e sen nomes do segundo equipo, pero a noite xa empezou torcida coa lesión muscular de Aidoo aos dez minutos, no seu regreso á herba artificial. Os minutos engulían o Celta, incapaz de impor a súa condición de equipo de Primeira. O técnico do Porriño chamou Borja Iglesias e Iago Aspas para tentar resolver, pero o Sant Andreu resistiu con orde e levou o partido á prórroga, mentres a bancada convertía cada acción nun estoupido de ánimo.

A continuación chegou o inesperado: no 103, Alexis García culminou cun gran golpeo unha contra mal defendida polos celestes, pondo patas arriba o Narcís Sala. Mais o Celta reaccionou de inmediato: Borja Iglesias, un minuto despois, empatou tras un bo pase de Yoel Lago.

A expulsión de Carlos Domínguez no 112 agravou a angustia dun Celta que agradeceu a chegada da quenda de penaltis como mal menor. Desde os once metros, os galegos non fallaron: sete lanzamentos perfectos. O Sant Andreu mantívose vivo até o seu sétimo tiro, que Serrano enviou fóra previo paso polo longueiro, desatando a liberación celeste.

O Celta non chegaba a unha quenda desde 2011, daquela coa amarga derrota en Granada. Esta vez, a moeda caeu do lado contrario, pero o aviso é claro: a Copa non perdoa e o Sant Andreu estivo moi perto de facer historia.