3-1

Un Celta cunha boa imaxe supera o Granada en Balaídos

Os vigueses resarcíronse do amargo empate da quinta feira na Europa League e ofreceron na tarde do domingo unha das súas mellores caras. A grande actuación do equipo de Berizzo rematou co marcador a 3-1.

Celta Barça Iago Aspas
photo_camera Iago Aspas, nunha imaxe de arquivo

O partido comezou co equilibrio de forzas e de posesión de balón entre ambos os equipos. Porén, segundo avanzaba o reloxo, os vigueses gañaban presión e eran quen de facerse máis co esférico que os granadinos. Aos vinte e tres minutos, chegou o primeiro premio. Aspas enviaba o balón á área pequena e após dun rebote nun defensa visitante o moañés apareceu para anotar o primeiro tanto.

O gol deulle azos a un Celta que se soltou e presionaba na área rival. No minuto 38, o bo xogo dos vigueses concretábase nun novo gol, nesta ocasión, de Bongonda, após unha xogada con Aspas. O descanso chegaba co 2-0 no marcador.

O partido continuou na mesma liña, con posesión do Celta e cun Iago Aspas que creaba novas ocasións. A piques estivo de anotar o seu segundo tanto. O seguinte gol foi do Granada. Kravets aproveitaba un pase falido de Cabral a Rubén e recortaba distancias. Xa no tempo de compensación, Pepe Cheikh marcaba o seu primeiro tanto co Celta e sentenciaba o partido.

Celta: Rubén, Roncaglia, Cabral, Fontàs, Jonny, Radoja, Marcelo Díaz, Wass (Señé, min.81), Iago Aspas (Pape, min.85), Bongonda, Rossi (Guidetti, min.69).

Granada: Ochoa, Foulquier, Vezo, Lombán, Saunier, Tabanou (Bueno, min.64), Samper, Uche (Ponce, min.71), Carcela, Pereira (Atzili, min.56), Kravets.

Goles: Iago Aspas, 1-0, min.23; Bongonda, 2-0, min.38; Kravets, 2-1, min.87; Pape, 3-1, min.93.

Árbitro: Trujillo Suárez, do comité tinerfeño. Amoestou Andreas, Samper, Tabanou (Granada).

Comentarios