O Celta busca motivacións para afrontar o resto dunha tempada atípicamente tranquila

Santi Mina anotou un gol, pero marrou unha clara ocasión por intentar unha 'frivolité' co calcaño. (Foto: RC Celta).
O duelo entre brancos e celestes copou a atención nunha xornada futbolística galega na que Luís César sumou un novo encontro, e van tres, sen gañar á fronte do Club Deportivo Lugo e o Rácing de Ferrol disputou ante o Guixuelo o único partido da categoría de bronce, logrando un triunfo que lle permite seguir soñando co ascenso.

O Celta atópase nun escenario que non por desexado -despois da agónica permanencia da pasada tempada, calquera seareira asinaría atoparse na actual situación, ocupando unha cómoda décimo primeira posición na táboa clasificatoria despois de 28 partidos disputados- deixa de ser complexo, pois resulta complicado navegar cara a un rumbo fixo cando te atopas en terra de ninguén, como lle acontece á escuadra olívica.

A derrota ante o Real Madrid en Balaídos (1-3, tantos de Santi Mina para os galegos e Benzemá por dúas veces e Marcos Asensio para os madridistas) incidiu nesta situación, pois tanto Betis como Vilarreal gañaron os seus compromisos, agrandando así a brecha que a separa dos postos europeos.

Polo contrario, no sentido oposto, os 11 puntos de vantaxe sobre o Eibar, penúltimo clasificado e equipo que marca o límite do descenso, parecen un colchón moito máis que cómodo para xestionar ao longo das últimas 10 xornadas.

Porén, o Chacho Coudet non quere confiarse, e na rolda de prensa posterior ao encontro cos Viquingos afirmou que "nunca se sabe" cal é o número de puntos necesario para lograr a salvación "até que se conseguen matematicamente", un tópico dos máis clásicos do fútbol que coroou coa frase emblema do seu compatriota e técnico do Atlético de Madrid, Diego Pablo Simeone: "Temos que ir partido a partido".

'Strike' tres para Sampedro

Terceiro partido de Luís César Sampedro á fronte do Club Deportivo Lugo, e terceira ocasión en que os albivermellos non son quen de sumar os tres puntos, pois logo de empatar no seu debut ante o Fuenlabrada (0-0) e posteriormente ante o Xirona (1-1), esta semana volveron ser incapaces de gañar, nesta ocasión ante o Castellón (0-0) .

Con todo, a sensación do Lugo baixo a dirección de Luís César é a dun equipo sólido, ao que resulta moi difícil facerlle un gol, pero que ten un claro problema cara a portaría contraria que xa existía na etapa de Mehdi Nafti.

O Rácing aférrase á esperanza do ascenso

A escuadra departamental evidenciou que a fe move montañas, pois pese á súa evidente inferioridade física logo do gromo de Covid-19 que padeceron, foron quen de superar o Guixuelo por 1-0 e manter con vida as súas opcións de loitar polo ascenso.