O Celta busca ante o Granada manter a boa liña amosada

O conxunto celeste recibe ao andaluz logo de empatar ante o Espanyol e vencer no campo do Betis, polo que un triunfo podería situalo nos postos máis altos da táboa.

Celta Atlético

O Celta espera manterse invicto e mesmo subirse aos postos máis altos da clasificación tras o seu encontro da terceira xornada de Liga na Primeira división estatal, no que recibe ao Granada en Balaídos o sábado ás sete da tarde.

Se non o evita Apelación, o conxunto de Luis Enrique terá que superar a baixa por sanción dun dos seus xogadores básicos, o mediocentro Borja Oubiña. Porén, a boa imaxe amosada no campo do Betis xera optimismo nun equipo que pode presumir de boa estadística goleadora -a dous tantos por encontro- con Charles como efectiva referencia arriba. Suma máis razóns para o optimismo a chegada de Aurtenetxe, que podería ser titular.

Pola súa parte, o Granada visita Vigo logo de poñerlle as cousas difíciles ao Real Madrid e coa sona de ser un dos equipos que mellor se reforzaron en verán. Especial protagonismo terá o ex deportivista Riki, que apunta á titularidade nun campo no que se gañou bastantes antipatías como branquiazul.

Comentarios