O Celta busca despedir o ano cun sorriso

Coudet agarda recuperar a alegría perdida a causa dos numerosos contratempos sumando os tres puntos en xogo. (Foto: EP)
A Copa quedou atrás até o 2022 e o Celta, logo da orgullosa eliminación do Arenteiro ante o Valencia, xa está exclusivamente centrado na competición ligueira, onde fecha o ano 2021 cun encontro ás 21 horas desta quinta feira ante o Español de Barcelona. Os 'periquitos', ben posicionados na táboa, serán un duro rival para uns celestes minguados polas baixas.

Non foi o 2021 o mellor ano para o Celta. A pesar de lograr salvar a categoría a tempada pasada, os celestes continúan sen despegar tanto a nivel de xogo como de resultados, como se demostrou novamente na recente eliminatoria copeira que superou in extremis ante o modesto Andorra.

Pero a peor consecuencia dese choque non foi a imaxe deixada polos xogadores celestes, senón o esgotamento tras disputar 120 minutos nunha superficie tan desgastante como é o céspede artificial e, especialmente, as dúas novas lesións nun equipo xa mermado polas baixas. 

O preparador olívico, Chacho Coudet, perdeu no principado Kevín Vázquez e Thiago Galhardo, que se unen así a outros mancados como os capitáns Hugo Mallo e Iago Aspas, que parecen afrontar a recta final da súa recuperación e mesmo poderían entrar na convocatoria para o partido de hoxe ás 21 horas en Balaídos ante o Español.

Este encontro suporá o adeus do equipo a este 2021, e tanto futbolistas como corpo técnico agardan poder conseguir os tres puntos xa non por despedirse da súa afección até 2022 cun bo sabor de boca, senón porque se aínda albergan a máis mínima esperanza de loitar por disputar competicións europeas a vindeira tempada, isto pasa por conseguir derrotar uns periquitos que ocupan a novena posición da táboa con 23 puntos, seis máis que un Real Club Celta que figura como décimo cuarto na clasificación.

Para conseguilo, a escuadra galega terá que imporse tamén á estatística, pois esta sinala que o máis probábel é un empate, resultado que exhibía o marcador nos seus últimos cinco enfrontamentos. Poñendo o foco nos partidos nos que o Celta exerceu como local, a vitoria ante o Español resísteselle desde hai máis de seis anos, concretamente desde o 12 de decembro de 2015, cando gañou 1-0 graza a un solitario tanto de Iago Aspas. 

O Carballiño acolle un partido para a historia 

Os horarios escollidos pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF) impídenos dar cobertura dos partidos Deportivo-Osasuna e Lugo-Mirandés por finalizar fóra do horario de fechamento desta edición, pero afortunadamente non pasa o mesmo co Arenteiro-Valencia.

O conxunto do Carballiño asinou un encontro para a historia, pois a pesar da diferencia de catro categorías entre ambos os contendentes e das impresións que poida transmitir o resultado final (1-3), a escuadra galega tivo moitas opcións de  eliminar a un Valencia que se adiantou xa no minuto 1 da man de Yunus Musah, pero o Arenteiro non baixou os brazos e non só dominou o encontro, senón que no 9 empatou Joni. Desde ese momento os do Carballiño buscaron a vitoria, pero a superioridade  valencianista evidenciouse na prórroga, na que anotaron dous goles máis.

Logo deste resultado, Celta, máis quizais Lugo e Deportivo coñecerán os seus rivais nos dezaseisavos de final logo do sorteo que se leva a cabo na sede da RFEF en Madrid a partir das 12.30 horas de hoxe.

Adeus a Ramón Regueira, un histórico do fútbol galego

Galiza dixo adeus na xornada desta quinta feira a un histórico do fútbol do país, Ramón Regueira Ramos, máis coñecido como Moncho Regueira, que faleceu aos 86 anos de idade.

Formado na canteira viguesa, onde comezou a despuntar nos Xesuítas con 9 anos, de regreso á súa Coruña natal continuou formándose no Huracán de Santa Lucía, de onde saltou ao Fabril con 15 anos de idade, debutando co gallo dun choque ante o Noia ao mesmo tempo que dúas lendas do Deportivo: Carlos Torres e Arsenio Iglesias.

De aí pasou ao Club Deportivo Juvenil -entón filial do Dépor-, defendendo máis tarde as cores do primeiro equipo branquiazul durante catro campañas, entre 1952 e 1956. O dianteiro coruñés -que tamén desempeñaba con competencia as tarefas de interior esquerdo- reintegrouse en 1952 na formación herculina despois dunha tempada cedido no Caudal Deportivo de Mieres da Segunda División cunha misión practicamente imposíbel: cubrir a baixa de Luisito Suárez, que acababa de fichar polo Fútbol Club Barcelona. 

Na súa etapa como deportivista alternou varias cesións, incluída outra ao Caudal de Mieres na que materializou seis goles nos 20 partidos nos que saltou ao terreo de xogo. Iso abriulle as portas do Burgos, onde volveu ofrecer un bo rendemento, con catro goles en 11 encontros. Lamentabelmente, nada máis finalizar a tempada 1956/57 tivo que incorporarse ao servizo militar obrigatorio e á finalización do mesmo decidiu colgar as botas e non volveu xogar o fútbol, aínda que continuou vinculado ao Dépor como patrocinador a través da súa empresa, Recambios Regueira.