O Celta, a acabar con 19 anos de gafe

A escuadra celeste leva case dúas décadas sen gañar en Mallorca.
Savo Miloševic meteu o último dos catro tantos do Celta no triunfo de 2004 (2-4) . Os outros foron obra de José Ignacio, Jesuli e Luccin.  (Foto: Europa Press).
photo_camera Savo Miloševic meteu o último dos catro tantos do Celta no triunfo de 2004 (2-4) . Os outros foron obra de José Ignacio, Jesuli e Luccin. (Foto: Europa Press).

Disque nunca choveu que non escampara, nunca mellor dito nestes días nos que parece que o líquido elemento non cesa de caer do ceo.

No caso do Celta, son xa 19 os anos que leva sen gañar no campo do Real Club Deportivo Mallorca, nunha moi negativa xeira de resultados á que Carlos Carvalhal e os seus pupilos queren pór fin hoxe a partir das 21 horas da noite.  

Cavallero, Berizzo, Sergio, Méndez, Sylvinho, Gustavo López, Vágner, Jesuli, José Ignacio, Luccin e Milošević. Este foi o once escollido por Miguel Ángel Lotina para saltar ao céspede de Son Moix o 10 de xaneiro de 2004, data na que o Celta obtivo o seu último triunfo na casa do conxunto balear (2-4). 

Tamén foi a derradeira vitoria do técnico de Meñaka á fronte da escuadra olívica, sendo destituído tan só dúas semanas máis tarde. Non obstante, os seus sucesores no cargo (Antić e Carnero) non conseguiron corrixir o errático rumbo e o Celta acabou descendendo á Segunda División.

Para evitar que a historia se repita -imposíbel non trazar certos paralelismos, pois hai 19 anos o Celta era terceiro pola cola despois de sumar 17 puntos en 18 xornadas, mentres que na actualidade leva a mesma cantidade de puntos, aínda que cun partido menos- Carlos Carvalhal tratará de aproveitar o desgaste físico dun Mallorca que vén de ser eliminado a mans da Real Sociedade na Copa, aínda que con moitos suplentes no campo, que deixarán os titulares frescos de cara ao compromiso galego-balear.

Na rolda de prensa previa ao partido o preparador luso non quixo avanzar nin a táctica nin os futbolistas que tratarán de lograr o segundo triunfo consecutivo a domicilio, aínda que si deu a entrever que na punta de ataque Paciência acompañaría Iago Aspas por ter unha "maior capacidade para xogar preto da portería" que o noruegués Larsen. Con eles estarían, conformando un 5-3-2, Fran Beltrán, Gabri Veiga e Franco Cervi ou Óscar Rodríguez no medio do campo; Javi Galán Unai Núñez, Aidoo, Minguez e Hugo Mallo en defensa e, como ben sendo habitual, Agustín Marchesín baixo paus.

Por parte mallorquinista, Javier Aguirre optaría por Rajković; Maffeo, Valjent, Raíllo, Copete, Costa; Dani Rodríguez, Ruíz de Galarreta, Baba, Amath e Muriqi.

O banco do Pontevedra busca dono

Por outra parte, o Pontevedra Club de Fútbol busca adestrador. Nun movemento sorprendente, o conxunto presidido por Lupe Murillo -deputada do Partido Popular no Parlamento Galego- oficializou a destitución do seu técnico até a xornada 19, Antonio Fernández, nun breve comunicado no que lle desexou "o mellor en todos os seus proxectos futuros".

Este movemento afonda nunha inestabilidade intrínseca ao banco granate desde o cese de Luisito en decembro de 2017. Desde entón estiveron á fronte do primeiro conxunto da cidade do Lérez Luismi, Jesús Ramos, Juan Carlos Pouso, de novo Luisito, Ángel Rodríguez e o devandito Antonio Fernández Rivadulla, seis homes en apenas cinco anos.

O detonante do adeus de Fernández foron as dúas derrotas consecutivas ante senllos rivais directos -Badaxoz e Unionistas- nunha pelexa pola salvación da que o Pontevedra está agora a catro puntos. Polo de agora o equipo do recentemente destituído é o encargado de dirixir os adestramentos, pero Toni Otero figura como a persoa con máis opcións de substituílo.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios