Carvalhal afirma que ten varios "recambios" para Gabri Veiga

O técnico celeste está "motivado" ante o Sevilla.
O adestrador celeste, Carlos Carvalhal, nun adestramento. (Foto: RC Celta)
photo_camera O adestrador celeste, Carlos Carvalhal, nun adestramento. (Foto: RC Celta)

O adestrador do Celta, Carlos Carvalhal, compareceu esta quinta feira ante os medios de comunicación na previa do partido fronte o Sevilla para analizar a actualidade do conxunto vigués. Desvelou que Diego Alves causará baixa polo que resta de tempada e mantén a incógnita sobre quen será o substituto de Gabri Veiga.

“É evidente que Gabri imprime unha dinámica de xogo moi propia, mais non está e temos que buscar alternativas”, asegurou o técnico portugués. Entre elas o técnico non desbota aproveitar a Tapia. “É outra opción, un xogador moi experto, con moita capacidade, está a xogar a un ritmo moito máis alto desde que volveu da selección. Ten a nosa plena confianza porque achega consistencia, técnica, xogo de cabeza e balón máis longo”.

Porén, Carvalhal admite que “De la Torre está a xogar na esquerda, mais tamén o pode facer por dentro. É un xogador técnico, que o está facendo moi ben” ou tamén está Cervi que “pode xogar por dentro”.

En relación ao Sevilla, Carvalhal atópase “motivado” e afirma que “imos gozar, pelexar, correr e disputar os puntos”. O partido será esta sexta feira ás 21 horas no Sánchez Pizjuán, ante un conxunto andaluz que chega na 13ª posición con 31 puntos, catro menos que o Celta.

No caso de voltar a Vigo cos tres puntos no peto, os celestes ficarían —temporalmente, á espera de que remate a xornada— na 7ª praza, que daría acceso a disputar a UEFA Conference League se o Real Madrid gañase a Copa do Rei ante Osasuna. O seguinte na táboa, o Vilarreal, quedaría a seis puntos a falta de disputar o seu partido.

Comentarios