Carl Starfelt queda fóra do Celta esta tempada por lesión
O Celta anunciou esta terza feira que non poderá contar máis esta tempada con Carl Starfelt. O defensa celeste sufriu unha rotura de fibras no tendón proximal do bíceps femoral dereito, unha lesión que se produciu durante o adestramento de hai uns días. O sueco, que se atopaba na última fase de recuperación dun alongamento distal do bíceps femoral que padeceu no encontro do Celta fronte ao Espanyol, experimentou unha dor aguda na rexión proximal da coxa dereita durante unha das sesións da pasada semana, o que motivou a súa avaliación médica inmediata.
Tras realizarlle unha ecografía, os servizos médicos do club confirmaron a lesión e demandaron que o xogador se someta a unha resonancia magnética. A previsión é de baixa entre seis e oito semanas.
Fer López segue no Celta
Por outra parte, unha das dúbidas no vestiario deixou de selo. A saída do club de Fer López quedou descartada polo propio xogador esta terza feira no programa En Xogo da TVG. "Se teño que ter ficha do filial outra vez non pasa nada. Teño contrato até 2028", asegurou o centrocampista nunha entrevista. Sobre as conversas con outro club recoñece que "chamaron ao meu pai e nese momento pareceume a mellor opción" mais despois considerou que "aquí estou contento cos meus amigos, coa miña familia e xogando no Celta que é o meu soño de pequeno".
Dépor: lesións e vontade
O mesmo día que o equipo celeste xoga en Madrid, o 4 de maio, o Deportivo volverá á competición para disputar a xornada 38 (Riazor, 21 horas). A derrota da pasada fin de semana ante o Rácing de Santander (2-1) deixou ao equipo branquiazul aínda máis lonxe de poder disputar o play-off de ascenso. Tras nove semanas invicto as lesións afectaron un vestiario que aínda lembra a marcha de Lucas Pérez. Primeiro foi Ximo Navarro para despois seguirlle na enfermaría Dani Barcia e estes días David Mella.
Por outra parte, malia contar con 50 puntos, o equipo que dirixe Gilsanz aínda non está matematicamente salvado na categoría de prata. O técnico, consciente de que o su futuro depende destes últimos partidos, despois do encontro en Santander (Cantabria) asegurou que polo de agora "non fechamos a tempada. Aínda temos puntos por pelexar".
