domingo 27/09/20

O capitán do Dépor declara na Coruña ante policías chegados de Madrid

O 'Caso Fuenlabrada' entra na súa recta final e os implicados aceleran. Pouco despois de coñecerse que Sanidade podería sancionar a Liga e Fuenlabrada con multas de 360.000 euros, o capitán do Deportivo comparecía ante a Policía polo audio filtrado por un compañeiro no que chamaba a "facer un paripé" no encontro de mañá en Riazor. 
O centrocampista do Real Club Deportivo saíu da comisaría "en liberdade sen cargos". (Foto: EP).
O centrocampista do Real Club Deportivo saíu da comisaría "en liberdade sen cargos". (Foto: EP).

Álex Bergantiños, capitán do Real Club Deportivo, é a primeira persoa que comparece ante a Policía polo coñecido como 'Caso Fuenlabrada'. 

Un día despois de que a Cadena Cope fixese pública unha mensaxe de audio do centrocampista galego no que informaba os seus compañeiros de que o encontro programado para mañá contra o Fuenlabrada en Riazor ás 20 horas podería ser "un partido de paripé", e horas máis tarde de que o Club de Fútbol Fuenlabrada emitise un comunicado anunciando de que trasladaría a Fiscalía as súas declaracións por un posíbel delito de "fraude deportivo", o centrocampista branquiazul tivo que acudir a dar testemuña ante a Policía.

Posto en liberdade sen cargos despois de comparecer ante axentes chegados desde Madrid, o futbolista do barrio da Sagrada Familia asegurou ás portas da comisaría de Lonzas que non fixera "nada malo" e que "non" incitara ninguén "a adulterar nada".

"Estou ben, moi tranquilo. Quixeron preguntarme sobre o audio e expliqueillo", indicou Bergantiños aos medios, aclarando que respondeu a cuestións relacionadas cunha "posíbel adulteración do resultado".

Ademais, indicou crer que a denuncia era da Liga de Fútbol Profesional (LFP) e o seu Departamento de Integridade: "Eu estaba nun parque moi preto da miña casa facendo unha entrevista e parece ser que a Policía foi primeiro alí e logo veu buscarme a ese parque porque querían facerme preguntas".

Álex Bergantiños confesouse "doído a nivel persoal" pola filtración desa mensaxe de audio por parte dun compañeiro, e laiouse de que está "sacándose de contexto". "Estamos desamparados, e nese audio reflíctese o sentido do persoal. Eu estou tranquilo e teño a conciencia moi limpa, por que non fixen mal ningún. Non sei como vai isto, os xuíces dirán se ven algo ou non", recalcou.

Logo de que a noticia do seu paso por comisaría se fixese pública, as reaccións dentro e fóra do mundo do fútbol non se fixeron esperar, comezando pola alcaldesa da Coruña, Inés Rei, que cualificou de "inaudito" e "vergoñento" que o capitán do Deportivo tivese que declarar "por un audio que non ten relevancia penal e tan só constata unha realidade".

Tamén no eido político, o Bloque Nacionalista Galego da Coruña quixo expresar, a través da súa conta de Twitter, que para eles a detención de Álex Bergantiños é "un capítulo gravísimo na historia de inxustos despropósitos que vén rodeando o Dépor desde o pasado 20 de xullo".

Por suposto, a entidade branquiazul saíu na defensa do seu xogador, monstrando a súa "sorpresa", "indignación" e "incredulidade" por unha "interpretación totalmente sacada de contexto das súas palabras, que só trataban de querer buscar unha forma de visibilizar a protesta que desde o clube se está realizando polo atropelo que estamos a sufrir por parte da dirección da Liga".

Mesmo desde Madrid recibiu apoios o galego, non por parte de Tebas, claro, senón pola Asociación de Futbolistas (AFE), que esixiu "máximo respecto" para Álex Bergantiños, e ofreceulle axuda "con todos os medios dos que dispón o sindicato".

A Xunta da Galiza ameaza a Liga e Fuenlabrada con fortes multas

A Liga de Fútbol Profesional e o CF Fuenlabrada poderían ser sancionadas por parte da Consellaría de Sanidade da Xunta da Galiza cunha multa de até 360.607,27 euros. Segundo o Goberno galego, ambas as institucións incorreron nunha "falta moi grave", malia que será o Consello da Xunta quen teña a derradeira palabra.

Este procedemento, iniciado logo de que se fixese público que o conxunto madrileño viaxou a Galiza con xogadores positivos en coronavirus e de compilar información do Consello Superior de Deportes (CSD), a Consellaría de Saúde Pública da Comunidade de Madrid ou a Real Federación Española de Fútbol (RFEF), entre outros organismos, acusa a Liga e Fuenlabrada de estar "ao tanto" da existencia de positivos no momento de desprazarse, causando un brote que provocou unha grande alarma social.

comentarios