A Camovi, carreira de montaña polos montes de Viveiro, reúne máis de 900 participantes na súa XV edición

Acto de presentación da Camovi (Foto: Deputación de Lugo)

Viveiro acollerá os días 18 e 19 de abril a décimo quinta edición da Camovi, a carreira de montaña polos montes de Viveiro (A Mariña), que volve colgar o cartel de completo en varias das súas probas e reunirá máis de 900 participantes.

O Pazo de San Marcos (Lugo) acolleu no mediodía desta terza feira a presentación da décimo quinta edición da Camovi, a Carreira de Montaña polos Montes de Viveiro, que se celebrará os días 18 e 19 de abril na contorna do monte San Roque de Viveiro.

A Vicepresidencia da Deputación colaborará un ano máis na organización da proba que conta con máis de 900 persoas inscritas nas diferentes modalidades de participación  -  C42K, C21K, C10K, C42K RELEVOS, CamoviKIDS e unha andaina – e que completou xa as prazas dispoñibles nas distancias 21 e 10 quilómetros.

“Somos unha carreira pioneira, que fomos dando pasos medidos e estudiados. Non queremos ampliar o número de dorsais porque masificar o evento sería ir en contra da súa esencia, que se propón como unha experiencia de natureza, familia e aventura”, explicou durante o acto Pedro Esmorís, director da carreira.

Na presentación participaron tamén Mariá Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, e Manuel Otero, xefe de Deportes da delegación da Xunta en Lugo. Pola súa parte, Efrén Castro, vicepresidente da Deputación, asegurou que Camovi “supón unha fin de semana espectacular para un concello como Viveiro,  grazas ao bo traballo do club e da organización que leva anos traballando para posicionar esta carreira a nivel internacional”

A Camovi comezará o sábado coa Camovi Kids e a andaina e mantén para o domingo as probas de 42, 21 e 10 quilómetros. Nomes destacados do trail estatal como Alain Santamaría, Nerea Irigoyen, Antonio Martínez ou Roberto García ou o portugués Tiago Vieira confirmaron a súa participación na categoría elite.