Cabo de Cruz mete a bordo a primeira regata da tempada

Imponse no VI Memorial Lagar, organizado por Mecos en augas do Grove, e no que tomaron parte 36 traiñeiras nas diferentes categorías.

Cabo traiñeiras remo Imaxe Maider Celada ACT
photo_camera Cabo. Imaxe: Maider Celada (ACT)

Cabo da Cruz empeza marcando territorio desde o primeiro segundo. A traiñeira da que ninguén nega que nos últimos anos é a mellor de Galiza meteu a bordo a primeira competición da tempada, que se disputou este domingo en augas do Grove: o Memorial Lagar, organizado polo Clube de Remo Mecos. Un total de 36 embarcacións participaron, entre as diferentes caegorías, nesta VI edición da proba, que homenaxea Miguel Fernández Lores, un remeiro meco falecido prematuramente.


Os de Cabo foron primeiros, cun tempo de 18:30, sacando 9 segundos de vantaxe aos segundos clasificados, os anfitrións (Mecos). En terceiro lugar ficou Bueu, con 18:56 e lixeiramente por diante de Tiran, outro dos grandes clubes galegos. Neles están postas moitas miradas esta tempara para ver como se repoñen do descenso de categoría. En quinto lugar, a traiñeira de Rianxo, que nestes anos está a ter unha importante progresión e, dato importante, cunha tripulación moi xoven.


Cabo de Cruz xa sabe o que é gañar o Memorial Lagar pois o ano pasado tamén conquistaron este trofeo. Na anterior edición, a de 2016, a vitoria foi para o bote de Ares.

Na categoría feminina, a vitoria foi para as remeiras de Mecos, que se impuxeron ás tripulacións de Cabo e Ribeira.


 

Comentarios