Caballero acepta a colaboración da RFEF para que Vigo sexa sede do Mundial mais avisa: "Ten que ser rápido"
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, valorou o ofrecemento de colaboración da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) para "ir xuntos" e lograr que a cidade sexa unha das sedes do Mundial 2030, aínda que advertiu de que "ten que ser rápido", e matizou que o Concello mantén aberta a vía xudicial para defender a candidatura olívica, excluída tras a modificación das puntuacións na selección de cidades aspirantes.
Nunha rolda de prensa un día despois de realizar unha visita á sede da RFEF, o rexedor reiterou que, tras constatar a "vontade" da RFEF para apoiar a candidatura viguesa, o Concello acepta esa colaboración, mais advertiu de que non vai esperar " dous anos".
"Ten que ser rápido", incidiu Caballero, á vez que lembrou que, en todo caso, Vigo está a facer os seus deberes e encargou xa as obras para a renovación de dous colectores situados fronte á bancada de Tribuna, unha actuación necesaria para acometer daquela a reforma e chegar ao aforo de 44.000 persoas no estadio municipal.
Caballero sinalou que os propios responsábeis da RFEF admitiron, na reunión mantida esta segunda feira, que "ninguén está excluído" e que a decisión dependerá da FIFA. Con todo, o alcalde incidiu en que segue aberta a porta da vía xudicial. "Non descartamos nada", repetiu o alcalde da cidade olívica, e proclamou: "Imos defender Vigo até as últimas consecuencias.
Confidencialidade
Por outra parte, o mandatario reiterou o seu desacordo cos argumentos esgrimidos polos responsábeis federativos, especialmente no que respecta á obrigación de confidencialidade, e repetiu que se lle exixiu asinar un acordo de confidencialidade para coñecer as puntuacións da candidatura da cidade de Vigo. "A miña", ironizou o rexedor.
Ademais, lembrou que a propia FIFA fixo públicas as puntuacións e consideracións relativas ás 11 sedes seleccionadas. "Onde está a confidencialidade?", preguntou e asegurou que, ante esta cuestión, os membros da RFEF "gardaron silencio" no encontro que tivo lugar a segunda feira.
O alcalde explicou que, novamente, con ocasión da reunión, o Goberno local trasladou á RFEF ao redor dun centenar de preguntas relativas ás puntuacións de todas as candidaturas, aos criterios para calcular esas puntuacións, á suposta reunión na que se modificaron esas cualificacións, aos motivos polos que se desprezou o criterio de veciñanza internacional (no que Vigo é "imbatíbel" pola súa proximidade e comunicación con Portugal), entre outras cuestións.
Respecto diso, Abel Caballero insistiu en que a cidade demanda coñecer esa información para defender os seus dereitos e explicou que o Concello esperará "uns días" para que a RFEF traslade as súas respostas.

