O Burela FS comeza con vitoria nas semifinais ante o Futsi
"Os corazóns da Familia Laranxa están hoxe encollidos e coas vítimas do atropelo múltiple rexistrado onte [sexta feira] en Burela", comunicou o CD Burela FS a través das súas redes sociais.
Por esta razón, o partido deste sábado ante o Futsi Atlético Navalcarnero de semifinais da liga comezou cun emotivo minuto de silencio por parte dos dous equipos e tamén polas persoas asistentes ao evento deportivo.
Xa no ámbito deportivo, o conxunto feminino do Burela FS sumou o primeiro punto da semifinal do play-off polo título da liga de fútbol sala diante do Futsi Atlético Navalcarnero (4-2) en Vista Alegre. As mariñás cimentaron a súa vitoria nun gran primeiro tempo, no que foron superiores ás madrileñas e marcharon ao descanso cun claro 3-0.
No segundo melloraron as atléticas, que lograron dous goles en apenas medio minuto ao comezo e despois crearon problemas ao cadro laranxa que terminou sentenciando no último minuto por mediación de Emilly.
Gañou a presión
O Burela FS desmontou por completo no primeiro tempo un Futsi que mostrou unha ou dúas marchas menos que as mariñás a nivel de intensidade e sufriu en exceso para deter as acometidas destas, que saltaron á cancha verde coa intención de dominar desde o primeiro minuto.
Froito diso, as discípulas de Julio Delgado adiantáronse xa no minuto 3 cun gol de Patricia. A de Yecla recibía no corazón da área un bo balón de Cami e non perdoaba ante Raquel.
Co Burela por diante, o segundo estivo a piques de chegar nunha acción rápida de Antía Pérez no minuto 7, mais Raquel conseguía nesta ocasión deter o disparo da futbolista laranxa. Non o faría dous minutos máis tarde ante Débora. A portuguesa, practicamente na súa primeira aparición no partido, finalizaba nunha posición escorada un contragolpe. A meta navalcarnereña tocaba o balón, mais non conseguía desviar o suficiente o disparo. Previamente, Marian tivera o empate para as visitantes, pero o seu disparo desde uns 11 metros foi ao pau.
Tras o 2-0, o Futsi tentaba sacarse a presión de enrima e estiraba as súas liñas, conseguindo durante algúns minutos que o balón estivese máis en campo burelés que no seu propio, mais sen armar ocasións de demasiado perigo sobre o marco defendido por Caridad. Mentres, as locais tentábano agora ao contragolpe e nun deles tivo o terceiro da mañá Cami, mais o seu remate no segundo pau foi taponado por unha rapidísima Laura Córdoba.
O terceiro tanto laranxa chegaría finalmente a través da estratexia, nun saque de esquina tras o que Antía Pérez conectaba unha sensacional volea que se lle coaba entre as pernas a Leti e ante o que nada podía facer Raquel para evitar o gol. Co 3-0 no electrónico, o Futsi apostaba polo xogo de cinco con Laura Córdoba portando a camiseta de porteira.
A propia Laura Córdoba tería a única ocasión de mérito das madrileñas, nun disparo desde dentro da área que detiña Caridad. As burelesas defendíanse ben e a dous segundos do descanso tiña o cuarto Emilly, pero o seu lanzamento desde campo propio atopábase co pau dereito da portería atlética.
Reacción do Futsi
Despois do paso polos vestiarios mellorou o conxunto visitante e atopouse con dous goles no minuto 24 que cambiaron por completo o decorado do partido e puxeron en moitos apuros ao conxunto de Julio Delgado. As navalcarnereñas pegaban primeiro cun balón en longo de Ari que non lograba cabecear Patri e isto despistaba a Caridad, que non conseguía chegar ao balón.
Poucos segundos despois chegaba o segundo das visitantes nunha boa triangulación entre Ari, Anita Luján e Patri que resolvía esta última no segundo pau cun tiro que tocaba Caridad, mais non foi abondo para evitar o tanto.
O partido volveuse tolo e o Burela perdeu o control do mesmo e as oportunidades sucedíanse para ambos os equipos. Patricia, nunha boa acción de pívot, buscaba o cuarto, mais o seu disparo rexeitouno Raquel cunha boa perna. Despois foi Leninha quen disparou sobre o marco de Caridad e a de Sanlúcar de Barrameda tapaba en dous tempos. O mesmo aconteceu co disparo de Dinha que, no ecuador da segunda entrega, finalizaba un remate pegado á base do pau que sacaba Raquel.
Emoción final
O último cuarto de partido depararía moita emoción. Caridad voltaba aparecer para realizar un paradón nun perigoso lanzamento de Irene Córdoba desde a frontal e posteriormente respondía para as locais Patricia, que se atopaba co pau tras un saque de falta de Emilly.
Cando faltaban cinco minutos da conclusión era Dany a que sacaba baixo paus un balón que se metía dentro despois dunha falta perigosa das branquivermellas. O rexeite non era o aproveitou Marian por cruzar demasiado ante a meta laranxa.
Nos últimos minutos o Futsi apostaría polo xogo de cinco e aí de novo defendíase moi ben o cadro local, que tería varios lanzamentos desde campo propio para sentenciar o choque. Con todo, as que máis perto estiveron do tanto foron Anita Luján, cun disparo cruzado que se marchou por moi pouco, e Laura Córdoba que, cando xa celebraba o empate, vía como Caridad era capaz de tapar de forma case milagrosa o seu remate no segundo pau.
A sentenza chegaría xa dentro do último minuto a través de Emilly que recibía un bo balón de Dany ás costas da zaga madrileña e definía con moita tranquilidade. O primeiro punto quedaba na casa e o segundo porase en xogo a vindeira terza feira en Navalcarnero, Madrid, ás 21.30 horas.