A Breogán Academy busca mellorar o nivel do baloncesto base en Lugo
O director técnico da Breogán Academy –un proxecto xurdido en xuño do pasado ano– e tamén capitán do primeiro equipo do Río Breogán, Erik Quintela, afirma a Nós Diario que o proxecto ten como base formar os xogadores desde cativos –"infantil, cadete e júnior"–, pero tamén ten unha parte importante de formación de adestradores: "Facemos clinics de forma trimestral porque cremos que, se melloras os adestradores, melloras os xogadores".
O programa busca ofrecer adestramentos complementarios aos rapaces e xunta xogadores máis pequenos cos de maior idade da súa xeración, xa que consideran que é "algo positivo a nivel competitivo". Ademais, preparan o equipo infantil para a Minicopa Endesa do Río Breogán. Desta forma, asegúranse que os rapaces lugueses teñan "unha boa preparación técnica" se queren competir en baloncesto.
Expectativas da academia
O 27 de xuño de 2025 o club anunciaba o nacemento da Breogán Academy, un lugar de formación para todos os nenos da provincia de Lugo. Erik Quintela explica que unha das motivacións foi o ambiente que se vive no Pazo dos Deportes de Lugo: "Os partidos do Breogán están cheos de rapaces cunha pelota de baloncesto e aos que lles gusta o Breogán". Cre que era unha "débeda" que teñen coa masa social do club desde hai tempo. Os cativos poden agora estar "un pouco máis dentro do club", asegura Quintela, quen pensa que é un impulso para eles e unha forma de ensinarlles "o camiño que hai detrás dos xogadores profesionais".
Con vistas ao futuro, Erik Quintela ten claro que no curto prazo é fundamental "seguir creando a rede en toda a provincia con clubs de [categoría] infantil e en adiante" e así seguir dando pequenos pasos para que todos "remen na mesma dirección" e poder facer unha visión de canteira moi ampla e profesional.
A longo prazo, queren poder asentarse como academia coas bases que teñen agora e, desde aí, "ver que pasa", indica o director técnico. Non teñen ningún obxectivo marcado para que se acabe convertendo "nunha canteira propia" ou algo semellante, mais o que si teñen claro é que o proxecto "ten que crecer cada vez máis e até onde sexa máis recomendábel, tanto para o club como para a comunidade", afirma Erik Quintela.
Últimas sesións
Co comezo do ano, a Breogán Academy retomou a pasada semana unha actividade que parara coas vacacións de Nadal dos cativos. A sesión estivo dirixida polos adestradores do Río Breogán Ferrán Varela e Rubén Engroba. O adestramento dirixiuse a xogadores júnior, é dicir, de entre 16 e 17 anos, e consistiu primeiro en movementos con balón e leccións técnicas dentro da cancha e, despois, unha charla táctica con imaxes de partidos profesionais, para que os máis pequenos aprendan conceptos do baloncesto de maior nivel competitivo.
Noutras sesións pasadas, a academia organizou clinics con profesionais consagrados e con grande experiencia, como a que impartiu Luis Casimiro, adestrador do Breogán, sobre erros en profesionais abordábeis desde a base; outras con Miguel Ángel Hoyo, adestrador do Baskonia, sobre a mellora individual con oposición, e o tratamento da saúde mental no deporte co psicólogo e membro da academia Luis Abel Taboada.
O club tamén organiza outro tipo de actividades como as visitas de árbitros membro da Federación Galega de Baloncesto e adestradores dos clubs vencellados á Breogán Academy aos adestramentos do equipo para mellorar as relacións entre clubs e árbitros. Ademais, coa chegada do Nadal fixeron unha recollida de xoguetes xunto a Cruz Vermella para os cativos que non puideron recibir agasallos. A academia non quere só estar comprometida coas facetas técnicas do baloncesto, senón con todo o relacionado co valor humano e coa solidariedade.