Borja Iglesias ficha polo galego: "Fago moitas veces intervencións no noso idioma e noto que axuda a unha percepción máis guai"

"Creo que a razón para fichar polo galego é estar orgullosos do que somos, de sentirnos galegos, de coidar a nosa cultura e as nosas raíces", afirma o compostelán.
O celtista Borja Iglesias. (Foto: Celta)
O celtista Borja Iglesias. (Foto: Celta)

O compostelán Borja Iglesias, xogador do Celta, reafirma o seu compromiso cun deporte que empregue a lingua propia da Galiza cun vídeo no que comenta o comezo da súa traxectoria no fútbol e o importante papel que xogou o galego para el durante aquela altura.

Así o fai nun contido audio visual en redes social de 'Ficha polo galego', un programa do Concello de Santiago de Compostela dirixido especificamente a clubs, deportistas, persoas seareiras, familiares e negocios da capital galega.

O programa lanzado polo Executivo municipal de Santiago de Compostela ten como obxectivo principal o de promover e normalizar o uso da lingua galega no ámbito deportivo, un espazo social onde a súa presenza é tradicionalmente escasa.

"Os meus inicios no deporte en Santiago comezaron como actividade extraescolar no Colexio La Salle. Recordo a Miguel Ángel Sangiao, que el marcoume moito nese sentido porque me fixo entender os valores do deporte", destaca o actual dianteiro do Celta.

"Miguel era unha persoa que falaba moito en galego e entón era moi sinxelo trasladar a lingua á vida cotiá", continúa. Despois, comenta Iglesias, "marchei a València e resulta que, ao chegar alí, os dous compañeiros de habitación eran dous galegos, Aitor Aspas e Álvaro López", relata.

"Falabamos en galego moitas veces. Era un pouco a sensación de estar na casa, aínda que estivésemos lonxe", lembra sobre aquel momento. "Fago moitas veces intervencións en galego e noto que axuda a que, por exemplo, a xente moza teña unha percepción do galego un pouco máis guai, porque o ve en xente que pode admirar", sinala.

"Creo que a razón para fichar polo galego é estar orgullosos do que somos, de sentirnos galegos, de coidar a nosa cultura e as nosas raíces. Ficha polo galego", conclúe o deportista compostelán no marco do programa de normalización do deporte impulsado polo Concello de Santiago.

Comentarios