O BM O Porriño, entre o difícil play-off e a ilusionante cita europea
O BM O Porriño ten esta mesma semana dúas citas importantes no seu calendario de competicións. A primeira será hoxe mesmo coa volta do play-off na casa ante o Atticgo BM Elx (Pavillón Municipal, 20.30 horas) e a segunda o sábado para atoparse de novo co equipo islandés Valur (Valur-Hlíðarenda, 17 horas).
No Pavillón Municipal porriñés non será doado darlle a volta ao marcador adverso que lle dificultará pasar ás semifinais da Liga Guerreiras. Na ida dos cuartos de final perdeu na pista do Elx por 32-21, un resultado contundente que obriga ás xogadoras a centrarse na outra cita en Islandia.
Europa máis perto
A cita continental ten outra cor. O empate conseguido tras unha remontada espectacular no partido de ida no Porriño (29-29) fai que as xogadoras que dirixe Ismael Martínez estean máis animadas para conseguir o que sería todo un fito para o club.
A mesma sensación hai na afección porriñesa que, malia a distancia que separa Galiza de Islandia, animouse a seguir ao equipo até ese país. Así, desde o club sinalan que ao redor de cen persoas, entre seareiras e seareiros xunto co persoal a mesma entidade deportiva, vivirán en directo desde a cancha esta emocionante final.
"Non é un resultado que nos guste para a volta mais estes sesenta primeiros minutos están empatados", aseguraba o técnico cangués despois do encontro de ida disputado no Porriño, "iremos alí a gañar e non temos nada que perder", engadía tamén.
Conciente de que o equipo islandés é moi forte na súa cancha e terá o apoio do seu público, Martínez considera que na casa pesoulles "un pouco o ambiente" ante a responsabilidade de sacar un bo resultado coa afección propia diante.
Por iso é positivo e agarda que no momento de afrontar este importante compromiso fóra "xoguemos un pouquiño máis soltas, un pouco máis liberadas" para conseguir "poder levantar o título" ao remate do partido.