Blanca Millán: "Traballo arreo para conseguir xogar na WNBA, sería consumar un soño"

Na figura de Blanca Millán (Compostela, 1998), axúntanse todos os factores para triunfar no baloncesto: unha técnica depurada, capacidade para interpretar o xogo, altura (1'81 metros) e, sobre todo, mentalidade gañadora dentro e fóra da cancha, que a levou a superar unha grave lesión e pode conducila a ser a primeira galega en xogar na WNBA.
Esta tempada anota de media case 30 puntos por partido. (Foto: Blanca Millán).
photo_camera Esta tempada anota de media case 30 puntos por partido. (Foto: Blanca Millán).

As súas estatísticas individuais deste comezo de tempada son descomunais, cunha media de case 30 puntos por partido. Soñaba nos peores momentos logo de romper o ligamento cruzado con volver a este nivel?

A verdade é que durante a convalecencia só pensei en recuperarme. Foi un ano complicado, nunca antes tivera unha lesión grave, non sabía a que me enfrontaba e, aínda por enriba, unha pandemia veu complicar aínda máis o proceso. Así que durante todo ese tempo só soñaba con poder continuar co traballo de recuperación e volver o antes posíbel ás pistas, sen pensar no nivel ao que estaría, pero preparándome para estar o mellor posíbel.

Colectivamente, as Black Bears non paran de sumar vitorias desde a súa volta. Cambiou a situación xerada a raíz da pandemia da Covid-19 a idiosincracia, os roles de poder entre os distintos equipos do Este, por dicilo dalgún modo, ou a situación continúa igual que antes do fatídico mes de marzo de 2020?

Como en todas as partes, a pandemia veu para cambialo todo, tamén a nosa liga. Agora xogamos ida e volta contra o mesmo equipo na mesma fin de semana, o que é complicado a nivel físico, porque hai pouco tempo de recuperación, pero tamén a nivel psicolóxico. Ademais, no estado de Maine estaba prohibida a reunión de máis de 50 persoas, e cos corpos técnicos, médicos, xogadoras, árbitros e auxiliares de mesa, prensa etc., xa se superaba ese número, así que non podíamos xogar na casa, o que supuña unha desvantaxe, mais parece que isto cambiará en breves. Ademais, hai sedes onde haberá público e outras onde non... todos estes son factores que inflúen na competición, pero creo que xa é unha sorte poder desenvolvela con garantías sanitarias, pois nalgún momento estivo no aire.

Continuando co 'monotema', xuntóuselle a rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo o 28 de outubro do 2019 coa situación de pandemia. Durante ese tempo publicou con bastante frecuencia nun blog do que se acaba de despedir. Foi esta bitácora unha ferramenta de apoio psicolóxico nun tempo tan duro?

Si. No verán adoito ir a Compostela, pasar o verán coa miña familia e desconectar do baloncesto, así que o blog foi un modo de desafogarme, de contar como me sentía... A miña irmá botoume unha man con el, e tamén pensei que se alguén estaba na mesma situación poderiamos compartir experiencias e sensacións, como así foi, pois tiven retorno doutras persoas.

E, se de apoio emocional falamos, vostede non puido contar durante todo este tempo co máis importante que existe: a familia. Como foi pasar dous escenarios tan difíciles como son unha lesión de gravidade e unha pandemia mundial cos seus seres queridos a case 5.000 quilómetros?

Foi moi complicado, aínda que sei que conto con ela sempre, incluso a 5000 qm. No confinamento, algo que non era habitual, falamos todos os días, o que me permitiu compartir con elas os peores momentos, pero tamén os mellores. Tamén é certo que cando vives tan lonxe organizas outro contorno familiar onde estás: o corpo técnico estivo moi pendente de min, así como a miña querida fisio Hannah, que en moitos momentos foi o meu pano de bágoas e un grande apoio, o mesmo que as miñas amigas e os meus amigos aquí, que fixeron que todo fora máis doado.

Está claro que non todo foi negativo. Tamén recentemente te se graduou en Kinesoloxía e Educación Física, a pesar do cal continuará un ano máis no equipo de baloncesto da Universidade de Maine. Esta extensión foi por iniciativa súa ou foron elas as que intentaron retela?

Normalmente, cando tes unha lesión pasas a facer o que se chama red shirt, e tes outro ano máis. Teño que dicir que a Universidade portouse xenial, e ofrecéronme todas as posibilidades, mantendo a bolsa que teño para seguir estudando, pero tamén, como sabían do interese doutras universidades, facilitarme o transfer se era o meu desexo, pero decidín quedar e rematar o meu ciclo universitario aquí, optando por dúas carreiras menores e loitar por outro anel a nivel deportivo.

Cando remate esta tempada, agardamos que co título de campioas que o coronavirus vos privou de conseguir na pasada edición do March Madness, si que dirá adeus definitivamente ás Black Bears. Tempo de dar o salto á WNBA?

Iso gustaríame, pero sempre digo que é difícil. Na NCAA hai moitas xogadoras moi boas, e só unhas poucas poden xogar na WNBA. Eu traballo arreo para conseguilo, pero son moitos os factores que inflúen. Oxalá sexa posíbel, sería cumprir un soño!

O calendario da WNBA permitiría compatibilizala cun hipotético regreso a Europa. Primaría nese escenario de fantasía a procura dun equipo de elite, ou tal vez a morriña faría das súas e pensaría en volver á casa para xogar, por exemplo, no Durán Maquinaria Ensino de Lugo da Primeira División?

Compatibilizar ambas as ligas sería estupendo, pero chegado o momento haberá que valorar todas as posibilidades. Irei paso a paso, traballando cada día para seguir axudando no meu equipo e estar preparada cando chegue o momento, sexa onde sexa.

Comentarios