O baloncesto dá un paso cara á igualdade cun novo convenio colectivo

Na máxima categoría estatal, onde será de aplicación este acordo, militan Ensino de Lugo (na imaxe, de vermello), Celta e Ferrol. (Foto: Durán Maquinaria Ensino).
A sinatura dun acordo que afecta as xogadoras de Ensino, Baxi Ferrol e Celta terá lugar esta quinta feira na sede do Consello Superior de Deportes. 

"En terreos como o deporte, que até hai moi pouco tempo eran practicamente exclusivos dos homes, todo o mundo é feminista... até que pedimos que a igualdade sexa efectiva, porque entón xa pasas a ser unha esaxerada... como pouco".

Son palabras de Lucila Pascua, a presidenta da Asociación de Xogadoras de Baloncesto (AXB), entidade que hoxe será asinante dun histórico acordo que subscribirá coa patronal da Asociación de Clubs da Liga Feminina Endesa -pois así se denomina oficialmente a máxima categoría do básquet estatal desde que fechou un pacto de patrocinio coa enerxética no ano 2019- para que vexa a luz un novo convenio colectivo.

O acto desenvolverase a partir das 11.45 horas na sede en Madrid do Consello Superior de Deportes (CSD) e no mesmo está prevista a participación da antedita Lucila Pascua; da máxima responsábel da patronal, Carmen Muguruza; das presidentas da Federación Española de Baloncesto (FEB) e o CSD, Elisa Aguilar e Víctor Francos -que levaron a cabo tarefas de mediación entre as dúas partes implicadas nas negociacións-; e da nova ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Pilar Alegría. 

A representación das xogadoras non ocultou, por boca de Lucila Pascua, a súa satisfacción por chegar a unha avinza que permitirá que vexa a luz un convenio colectivo polo que levan "puxando varios anos" e que, tal e como agardaba, "será realidade antes de que remate o 2023", permitindo "que todas as mulleres do baloncesto poidan desempeñar o seu traballo cunhas condicións laborais xustas".

 Porque, sen saber aínda que lles deparará o futuro -as condicións exactas do trato coñeceranse hoxe, cando se anunciará tamén o comezo dos trámites legais para o seu rexistro-, as xogadoras dun campionato no que desde este verán militan tres escuadras galegas -Ensino, Ferrol e Celta- non tiñan garantido "nin o salario mínimo interprofesional".

"Isto en calquera outra profesión pareceríanos unha animalada", apostila a presidenta da AXB, xa que o anterior convenio, publicado no Boletín Oficial do Estado en xaneiro de 2008, estabelecía un salario base de tan só 600 euros.