A AUTOPSIA REVELA UN "TRAUMATISMO CRANOENCEFáLICO" COMO CAUSA DA MORTE

Un axente da policía local non socorreu Jimmy cando este, na auga, pedía auxilio

Un axente da policía municipal da Madrid non socorreu o seareiro coruñés cando este na auga pedía auxilio. Tampouco o fixeron os policías nacionais que chegaron máis tarde á zona do confronto entre os ultras atléticos e os blues. Fontes xurídicas consultadas por Sermos Galiza falan de que estas condutas poderían constituír un delito de omisión do deber de socorro.

calderon-crop

Francisco Javier Romero Taboada, de 43 anos, coñecido como Jimmy, faleceu a consecuencia das feridas que lle inflixiron ultras do Atlético. Segundo os resultados da autopsia forense que lle foi practicada, o siareiro do Dépor faleceu por un "traumatismo cranoencefálico con hemorraxia interna e estalido de víscera maciza, bazo producido posibelmente por unha barra de ferro con 2,5 centrímetros" de grosor.

Con estes datos fica desbotada a hipótese inicial que apuntaba a hipotermia como causa da morte após ser arroxado ao río Manzanares por integrantes de Frente Atlético.

Jimmy non estaba inconsciente cando foi arroxado ao río Manzanares, ao contrario do que se afirmou nas primeiras versións dos feitos. Puido pedir auxilio desde a auga. Ninguén foi socorrelo. Ningún dos agresores. Tampouco había blues na zona, escorrentados polos ultras atléticos. Mais tampouco acudiu a o auxiliar un policía local que si se achegou por alí e que foi increpado por transeúntes, que lle exixían que se tirase a auga para resgatar a Jimmy, segundo informa El País.

A explicación que, segundo testemuñas, deu o axente da policía local é que agardaba reforzos. Mais os reforzos chegaron -máis municipais, policías nacionais tamén- e tampouco se prestou auxilio a Jimmy. Houbo que agardar á chegada dos bombeiros para que con efeito se resgatase, xa moi tarde,  o seareiro coruñés.

Fontes xurídicas consultadas por Sermos Galiza indican que a conduta dos policías municipais e nacionais podería constituír un delito de omisión do deber de socorro, delito que tamén sería extensíbel aos ultras atléticos que, aínda que non participasen no lanzamento ao río de Jimmy, non fixeron nada para resgatalo das augas.

Romero Taboada estivo media hora na auga. A hipotermia, segundo fontes médicas, puido ser o desencadeante final da súa morte.

Comentarios