París 2024 | Axenda

A axenda da Galiza nos Xogos: os eventos a seguir este domingo 28 de xullo

Calendario diario do deporte galego en París 2024.

Axenda galega do domingo 28 de xullo.
Axenda galega do domingo 28 de xullo.

Este sábado disputouse a primeira xornada oficial dos Xogos Olímpicos cunha excelente actuación da representación do deporte galego en París, medalla incluída. O día comezou con vitoria da selección estatal de balonmán masculina, co porteiro cangués Rodrigo Corrales nas súas filas, por 25 a 22 fronte ao combinado de Eslovenia. Outro Rodrigo, mais este caso Rodrigo Conde, conseguiu o pase ás semifinais do dobre scull masculino de remo canda o catalán Aleix García, e os judokas Laura Martínez e Fran Garrigós, que marchou de alí cun bronce colgado do pescozo, puxeron patas arriba o Champ de Mars Arena.

E este domingo teremos por diante unha nova e intensa xornada olímpica que comezará de novo sobre o tatami, ás 10 horas, co judoka David García (-66 kg), catalán que compite, igual que Martínez e Garrigós, con licenza galega. A loita polas medallas terá lugar a partir das 16 horas nese mesmo escenario.

Pasadas as 12 horas do mediodía será a quenda do boxeador Enmanuel Reyes Pla, orixinario de Cuba pero nacionalizado e afincado desde hai anos na Coruña, quen se medirá na primeira rolda da súa categoría (92 kg) ao chinés Xuezhen Han.

E ao fío das 12.35 horas comezará a primeira regata da modalidade 49erFX para a ourensá Támara Echegoyen e mais a súa compañeira a balear Paula Barceló, no seu caso desde a cidade de Marsella.

Ás 13.30 horas chegará a quenda de Paula Ginzo e María Araújo, que coa selección estatal feminina de baloncesto se medirán á China no seu debut nestes Xogos Olímpicos.

E ás 19 horas haberá representación galega feminina por partida dobre en outros dous deportes: balonmán, con Alicia Fernández —no caso de que supere as molestias que arrastra desde hai tempo e que lle impediron estar na estrea con derrota ante Brasil—, e fútbol, da man de Teresa Abelleiraquen partindo desde o banco contribuíu a asegurar os tres puntos contra Xapón—.

Comentarios