A Audiencia Nacional condena Rubiales a 18 meses de multa polo bico a Jenni Hermoso e absólveo das coaccións
A Audiencia Nacional condena o ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) Luis Rubiales a 18 meses de multa –uns 10.800 euros– polo bico non consentido á futbolista Jenni Hermoso, mais absólveo das posteriores coaccións para que lle restase importancia.
Nunha sentenza, recollida por Europa Press, o maxistrado José Manuel Fernández-Prieto prohibe a Rubiales achegarse a Hermoso nun radio de 200 metros e comunicarse con ela durante un ano. Cabe lembrar que a Fiscalía solicitou que se lle impuxese unha pena de dous anos e seis meses de cárcere polos delitos de agresión sexual e coaccións.
Ademais, acordou absolver o ex director da Selección estatal Albert Luque, o ex seleccionador feminino Jorge Vilda e o ex responsábel de Márketing da Federación Rubén Rivera, para os que o Ministerio Público pedía unha condena de un ano e seis meses de cárcere por un delito de coaccións.
Un xuízo mediático
A vista oral arrincou o pasado 3 de febreiro e prolongouse durante nove sesións nas que declararon, entre outros, o propio Rubiales e Hermoso, que centraron as súas alegacións en se houbo ou non consentimento no bico, propinado durante a entrega de medallas tras a vitoria no Mundial feminino de fútbol de Sidney en 2023.
Non estamos ante un consentimento, é un sometemento
No xuízo, un dos máis mediáticos na historia da Audiencia Nacional –máis dun centenar de medios acreditáronse e a presenza da prensa foi abundante–, o maxistrado escoitou como os acusados se desmarcaron das presuntas coaccións a Hermoso e a súa contorna.
Rubiales e a súa avogada sostiveron que si houbo consentimento, que Hermoso accedeu a recibir "un besito" do seu entón presidente, e que o feito de que puidese "non gustarlle" non obsta a que accedese a iso. O avogado de Hermoso, pola súa parte, pediu unha sentenza condenatoria para Rubiales deixando claro que a xogadora non lle deu permiso para que lle propinase un bico. "Non estamos ante un consentimento, é un sometemento", afirmou.
