A Audiencia madrileña reabre a causa polo asasinato de Jimmy

A Audiencia Provincial de Madrid resolveu revogar o arquivo da causa polo asasinato do seareiro deportivista Francisco Javier Romero Jimmy, morto a mans de ultras do Frente Atlético a 30 de novembro de 2014 nas inmediacións do Vicente Calderón.

Membros da Asociación Jimmy Sempre con Nós
photo_camera Membros da Asociación Jimmy Sempre con Nós

A sección sexta da Audiencia Madrid, nun auto ao que tivo acceso a axencia Efe, resolveu deixar sen efeito o sobresemento e arquivo das actuacións polo homicidio de Jimmy.

O xuíz decretara o sobresemento ao considerar que non existían indicios nen probas suficientes para certificar a responsabilidade de ningunha persoa en concreto no asasinato de JImmy.

A Audiencia non respalda o arquivo e pede ao xuíz  -en concreto ao titular do Xulgado de Instrución número 20 de Madrid, Pedro Marchante- que practique dilixencias de probas e que "á vista do resultado" proceda "ao ditado da resolución que estime procedente".

Todo indica que, ao contrario que o xuíz, a Audiencia, como tamén a policía que investigou o caso, si outorga credibilidade ao testemuño da testemuña protexida, un menor de idade que tería identificado catro persoas como responsábeis do asasinato.

Comentarios