Atlético Navalcarnero, duro rival do Burela en semifinais de Supercopa

O torneo terá lugar na Mariña a finais de xaneiro
O Burela quere levantar outro título na súa casa (Foto: RFEF).
photo_camera O Burela quere levantar outro título na súa casa (Foto: RFEF).

As últimas 10 edicións da Copa da Raíña. 11 das últimas 12 Ligas. Todas as Supercopas desde 2012. Os datos do dominio compartido por Futsi Atlético Navalcarnero de Madrid e o galego Pescados Rubén Burela sobre o fútbol sala feminino estatal son demoledores, e unha vez máis colisionarán nunha gran cita, nesta ocasión co gallo das semifinais da Supercopa 2023.

Así o quixo o sorteo levado a cabo esta segunda feira na sede da Real Federación Española de Fútbol (2023), que emparellou Melilla Sport Capital Torreblanca e STV Roldán na outra semifinal dunha Supercopa que se desenvolverá precisamente en Burela entre os días 29 e 29 de xaneiro do próximo ano 2023 e, como gran novidade, adoptando o formato de final four por vez primeira na súa historia.

Pleno galego na Liga

Na competición da regularidade os cinco representantes da Galiza na máxima categoría do fútbol sala feminino estatal despediron ao grande o ano 2022, contando os seus partidos por vitorias.

O devandito Burela continúa a súa persecución do líder Navalcarnero -que ten a tres puntos- após esmagar o Alcantarilla por 5-1, un resultado case tan amplo como o logrado polo Viaxes Amarelle na casa do fechacancelas da Liga, Clínica Blasco Visitelche, que perdeu 0-6 coa escuadra herculina.

Pola súa parte, Poio Pescamar consolídase no terceiro posto da táboa clasificatoria logo de vencer o seu máis inmediato perseguidor, Melilla Sport Capital Torreblanca, por 0-2. Este resultado beneficiou un Ourense Envialia e un Marín Futsal que non perden esperanzas de mirar á zona alta, e máis despois de superar, respectivamente, Sala Zaragoza (6-3) e Gran Canaria Teldeportivo (4-3). 

Comentarios