Lito Vila: "Arsenio Iglesias racionáballe o viño aos xogadores nos 80"

Non todo son malas novas nos últimos tempos para o principal equipo da capital da Galiza, pois os irmáns César e Lito Vila veñen de lanzar SD Compostela 1962-2022: 60 anos de sentimento branquiazul, un libro que repasa as seis décadas de traxectoria dun conxunto que tocou teito nos anos 90 do século pasado.
César (esquera) e Lito Vila son os autores deste volume. (Foto: La Diapo).
photo_camera César (esquera) e Lito Vila son os autores deste volume. (Foto: La Diapo).

Neste 2022 a SD Compostela festexa o seu 60 aniversario. Como naceu o proxecto de plasmar no libro que asina xunto co seu irmán a rica historia do club?

En plena pandemia, no 2020, cando o Compostela ascendeu a Segunda División B. Non podía haber espectadores no campo e vímolo na casa o meu irmán César e máis eu. Alí pensamos en que faltaban dous anos para o 60 aniversario e o bonito que sería ter toda a historia do equipo compilada nun volume. A cousa foi que nos preguntamos "quen o vai facer?" e acabámolofacendo nós (ri).

Como foi ese proceso de elaboración do libro? 

Falando coa editora, Teófilo Comunicación, que fai moitos libros relacionados con Compostela, e preguntámoslle se tería interese e dixo que si. Despois comezou a compilación de material, tendo en conta ademais de que tivemos a sorte de que o noso curmán, Roberto Baleato, estaba xogando no primeiro equipo e púxonos en contacto co club, que se mostrou moi favorábel ao proxecto, até o punto de que nos abriron de par en par as portas dos seus arquivos. Tamén tivemos apoio de El Correo Gallego, que nos cedeu moitas fotografías, e de moitas outras persoas a título particular.  

No caso da SD Compostela, e ao contrario do que acontece con moitos outros equipos sobre os que a información dispoñíbel se multiplica desde a extensión e popularización da internet a principios de século, diminúe a información dispoñíbel con respecto a épocas anteriores ante a degradación deportiva que padece por aquela época? 

Claro. Existe xa unha historia do Compos até 1994, momento no que se ascende á Primeira División. Desde ese momento o club pasou momentos moi escuros que tratamos de recuperar na medida do que puidemos, empregando ferramentas como un blog moi rico en información que levaba Toncholeto, un afeccionado que inmortalizou esa primeira década dos 2000 e até 2015, unha época con descensos administrativos, de xogar en Terceira, en Preferente... e na que nos xornais pasa a haber moita menos información. 

Como se estrutura esta historia do Compostela?

Tratamos de que non fose preciso leer o libro da primeira á última páxina. É un volume moi visual, con máis de 600 fotografías, con cadriños con máis de 100 anécdotas espalladas polo libro coa idea de que se converta nun dos fixos da xente que queira ter unha parte da historia da cidade nas súas casas.

Cales destacaría desas 100 anécdotas que inclúe no libro?

É complicado quedarse con unha, porque son moitas (ri). Por exemplo, eu destacaría unha da época de cando Arsenio Iglesias adestrou ao Compostela na década dos 80. Estamos falando doutros tempos, loxicamente, pero el dicía que era o encargado de repartir o viño cando os xogadores se reunían para comer para que soamente beberan medio vasiño cada un. Tamén me parece interesante que cando se logrou o ascenso á Primeira División un dos integrantes do equipo non puido quedar á celebración en Oviedo porque viña de rematar a carreira de Medicina e tiña obrigas laborais ao día seguinte.

Desde a súa perspectiva de afeccionado e tamén de estudoso do Compostela, cales cre que son as perspectivas do equipo este ano?

Nós non somos estudosos, só somos dous irmáns afeccionados ao Compostela. Cara onde irá o futuro? Pois xa o veremos, está a cousa bastante complicada. Persoalmente, agardo que a xente volva coller ilusión e que sigamos gozando da camiseta branquiazul. 

Comentarios