A Armada Galega contará con 21 membros no Mundial de Maratón

O piragüismo do país aspira a volver cargado de metais.
Tania Fernández e Tania Álvarez aspiran ao ouro (Foto: Fegapi).
photo_camera Tania Fernández e Tania Álvarez aspiran ao ouro (Foto: Fegapi).

A delegación galega acode a terras romanesas para disputar o Mundial de Maratón con 21 padexeiros e padexeiras, exactamente a metade da lista de 42 nomes feita pública pola Real Federación Española de Piragüismo (RFEP).

Deste modo, desde o día de hoxe e até o vindeiro domingo, 3 de outubro, desenvolverase en Bascov un torneo que fai o seu regreso dous anos despois. Con todo, xa na xornada de onte tiveron lugar unha serie de actos inaugurais dun campionato que conta coa participación de máis de 30 países. 

 As expectativas da Armada Galega son elevadas, e o obxectivo é conseguir o maior número de metais posíbeis, aínda que non o terán facil por ter enfronte varios dos nomes máis potentes da disciplina a nivel planetario, como o surafricano Hank McGregor, a húngara Renata Csay ou o seu compatriota Martin Kover.

As Júnior abren fogo

No día de hoxe será a quenda das probas da categoría  Júnior e da modalidade de maratón curto, na que participarán, ás 9.45, os padeeiros Tono Campos e Diego Romero no C1.

Tamén o fará o Olívico Iván Alonso en K1, estando a súa saída programada para as 11.15 e, de conseguir clasificarse para a finalísima, tomaría a saída ás 15.30 horas. Porén, a primeira en botarse á auga será a xuvenil Rosalía García, que será da partida no C1 ás 7.50.

No día de mañá, ás 7.45, comezarán a súa andaina mundialista as parellas xuvenís formadas por Lua Cubiella-Sara Durán e Sandra Leira-Marta Mourelos, mentres que tan só 10 minutos máis tarde seguirá os seus pasos o Sub-23 Jaime Duro.

Ademais, e concretamente ás 13.05, as duplas formadas por Carlos Gutier-Borja Castiñeiras e Adrián Prada-Joaquín Iglesias correrán no C2 Xuvenil e no K1 Sub-23, respectivamente

Comentarios