O piragüismo galego chega á República Checa con opcións de medalla no Campionato de Europa de Sprint
O piragüismo galego ten desde esta quinta feira e até o domingo unhas das principais citas internacionais do seu calendario: o Campionato de Europa de Sprint e Paracanoe 2025.
O evento decorrerá no pequeno municipio checo de Račice, que, con pouco menos de 400 habitantes, conseguiu levar a rexión de Ústí nad Labem ao circuíto mundial desta modalidade deportiva grazas á súa canle artificial. O evento reunirá ás seleccións de 32 Estados europeos, cunha importante presenza galega.
Caiac
No programa masculino de caia, a gran figura galega nas probas clasificatorias, onde pasan á final as tres primeiras embarcacións, é o betanceiro Carlos Arévalo López (CF de Lugo) que competirá en dúas probas. A primeira será o K1 200 metros (esta quinta feira ás 11.32 horas), co obxectivo de clasificarse para acceder directamente á final (domingo ás 10.46 horas); unha distancia que domina e da que foi campión do mundo en 2022.
Ademais, o mesmo día unha hora despois será un dos integrantes do K4 500 metros, xunto a Adrián del Río, Marcus Cooper e Álex Graneri. O galego conseguira nesta modalidade o bronce en París 2024 mais acompañado do tamén galego Rodrigo Germade, o catalán Saúl Craviotto e o inglés Marcus Cooper.
No apartado feminino, a estremeña Estefanía Fernández, recentemente fichada polo Fluvial de Lugo, afrontará tres probas. A primeira será unha final directa no K1 5.000 metros o domingo (15.50 horas). Ademais esta quinta feira competirá xunto á vasca Begoña Lazcano no K2 500 metros (16.45 horas).
Por último formará parte do K4 500 metros feminino, xunto ás asturianas Lucía Val (CP Rías Baixas) e Sara Ouzande máis a valenciana Bárbara Pardo. Esta embarcación competirá esta sexta feira (12.40 horas) con posibilidade de entre na final de pasadomañá (12.14 horas).
Canoa
Na modalidade de canoa, a representación galega masculina será máis extensa. Unha das posíbeis medallas é a de Pablo Graña (RCN Rodeira) que conseguiu este ano prata na modalidade de C-1 200 metros na Copa do Mundo que se disputou en Szeged (Hungría). Ademais, xa conseguiu esta mesma medalla o ano pasado no Europeo e no Mundial. A súa proba será esta quinta feira (11.12 horas).
No C1 500 metros, participará Manuel Fontán (O Muíño), que tentará mellorar o bronce do europeo Szeged, con series programadas para as 15 horas do mesmo día.
Pola súa parte, Pablo Crespo (Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra) disputará o C1 1000 metros esta sexta feira (10 horas) unha proba na que quedou décimo segundo en París 2024, mentres que Jaime Duro, do mesmo club, tomará a saída no C1 5.000 metros o domingo (15.10 horas), unha distancia na que gañou o título de canoa curta no Europeo de Maratón de Ponte de Lima (Portugal) este mesmo mes.
Ademais, Adrián Sieiro (O Muíño) e o madrileño Daniel Grijalba competirán no C2 500 metros esta quinta feira (16.30 horas). Ambos os dous tamén estarán presentes no C4 500 metros mixto, xunto a María Corbera e María Moreno, nunha final directa programada para o sábado (16.14 horas).
Por último, na modalidade de paracanoe participarán Nicolás Martínez (CF de Lugo), Araceli Menduíña (CM Ría de Aldán-Gandón), Adrián Mosquera (CP Rías Baixas) e David González (CK Tudense).


