Luz verde ao proxecto para rematar Balaídos por outros 25 millóns: así será a bancada de Gol

Caballero sinala que a nova bancada será "practicamente unha réplica" da bancada de Marcador e estará situada a só 8,5 metros do terreo de xogo.
Aspecto que tería a bancada de Gol, en primeiro plano, unha vez concluída a reforma de Balaídos. (Foto: Nortap Ingenieros)
photo_camera Aspecto que tería a bancada de Gol, en primeiro plano, unha vez concluída a reforma de Balaídos. (Foto: Nortap Ingenieros)

A Xunta de Goberno do Concello de Vigo aprobou esta sexta feira o proxecto de reforma da nova bancada de Gol, no estadio municipal Abanca Balaídos, no que se contempla un importe de máis de 25,6 millóns de euros. Así o confirmou o alcalde, Abel Caballero, en declaracións gravadas e remitidas aos medios nas que explicou que a nova bancada será "practicamente unha réplica" da bancada de Marcador e estará situada a só 8,5 metros do terreo de xogo, en paralelo coa liña de fondo.

As obras permitirán incrementar a capacidade de asistencia nesa parte do estadio, pasando de 4.000 a perto de 6.500 espectadores e espectadoras. Entre as actuacións, prevese a construción de seis grandes escaleiras e a instalación de oito ascensores, dando servizo tamén ás bancadas de Río e Tribuna e xerando un anel perimetral de bancadas conectadas.

Ademais dos cambios na cuberta, os asentos ou a iluminación, o proxecto contempla a construción dun gran tanque de almacenamento de augas pluviais para a súa reutilización como auga de rega no céspede.

Abel Caballero explicou que a "gran novidade" é a creación dun "novo espazo porticado de máis de 500 metros de lonxitude, enlanzando o anel de soportais de Gol e Marcador entre si, e creando un novo espazo público cuberto". Isto, engadiu, implicará a intervención sobre a fachada xa reformada da bancada de Tribuna. A construción do aparcamento subterráneo acometerase nunha fase posterior.

Finalmente, o alcalde afirmou que o Concello está "a esperar" a que a Deputación de Pontevedra "asine o convenio" para cofinanciar os traballos, pero engadiu: "Arrincamos xa, porque queren atrasarnos".

Tras a aprobación do proxecto, o seguinte paso será licitar e adxudicar as obras e fixar o investimento concreto, así como a forma en que se financiará, xa que segue pendente ese convenio entre Concello e Deputación. De feito, o orzamento municipal de 2024 reserva partidas mínimas para esta obra —uns 300.000 euros—, aínda que o alcalde anunciou hai meses que a súa intención era empezar os traballos cara a finais do presente ano, mentres que a institución provincial reservou nas súas contas unha partida de 2,5 millóns.

Comentarios