Vida ou morte para o Deportivo: ao asalto do Camp Nou
O Deportivo depende de si mesmo para acadar a permanencia esta última xornada. A última de moitas finais nesta temporada incerta nada menos que contra o campión de liga. O deportivismo quere unha vitoria que evite tirar de calculadora. [Vídeo da rolda de prensa]
Hoxe pode ser un día grande para o deportivismo. Tras unha temporada incerta, o conxunto herculino chega á última xornada dependendo de si mesmo para certificar a salvación. O Dépor loitará este sábado, a partir das 18.30 horas, por asaltar o Camp Nou. A última de moitas finais. E nada menos que contra o campión, que tratará de celebrar o título de liga con unha vitoria ante a súa afección.
“Precisamos da nosa mellor versión”, sinalou Sánchez del Amo, que resaltou que todo futbolista “soña desde neno con xogar este tipo de partidos. O destino marcou esta oportunidade de depender de nós mesmos”. As seareiras e seareiros terán a man a calculadora, agardando que non sexa preciso utilizala.
O Dépor está no 17º posto con 34 puntos. Estas son as combinacións que separan a ansiada salvación do temido descenso:
- Vitoria: asegura matematicamente a permanencia. Na mesma situación está o Granada, empatado a puntos mais con golaverage a favor.
- Empate: a permanencia dependería do que ocorre nos outros tres encontros. O Almería xogará ante o Valencia, mentres que o Eibar enfrontarase ao Córdoba. Ambos equipos ocupan as dúas prazas de descenso por decidir, con dous puntos menos que o Dépor. En caso de empate e vitoria de Almería e Eibar, dependería dunha derrota do Granada contra o Atlético de Madrid. De quedar empatado a puntos con Almería ou Granada, quedaría por baixo pola diferenza de goles particular.
- Derrota: esperar que perdan ou empaten Eibar e Almería. Non puntuar no Camp Nou complicaría moito o futuro do conxunto herculino se algún dos equipos no descenso logran os tres puntos.