Vida ou morte para o Deportivo: ao asalto do Camp Nou

O Deportivo depende de si mesmo para acadar a permanencia esta última xornada. A última de moitas finais nesta temporada incerta nada menos que contra o campión de liga. O deportivismo quere unha vitoria que evite tirar de calculadora. [Vídeo da rolda de prensa]

Foto: Deportivo
photo_camera Foto: Deportivo

Hoxe pode ser un día grande para o deportivismo. Tras unha temporada incerta, o conxunto herculino chega á última xornada dependendo de si mesmo para certificar a salvación. O Dépor loitará este sábado, a partir das 18.30 horas, por asaltar o Camp Nou. A última de moitas finais. E nada menos que contra o campión, que tratará de celebrar o título de liga con unha vitoria ante a súa afección.

Esperamos ao mellor Barça e así nos preparamos, asegurou o adestrador Víctor Sánchez del Amo, preguntando por un posible once blaugrana de reservas. Tamén haberá rotacións, na aliñación deportivista, neste caso forzosas polas baixas. O que non rebaixou a motivación.

Precisamos da nosa mellor versión, sinalou Sánchez del Amo, que resaltou que todo futbolista soña desde neno con xogar este tipo de partidos. O destino marcou esta oportunidade de depender de nós mesmos. As seareiras e seareiros terán a man a calculadora, agardando que non sexa preciso utilizala. 

O Dépor está no 17º posto con 34 puntos. Estas son as combinacións que separan a ansiada salvación do temido descenso:

  • Vitoria: asegura matematicamente a permanencia. Na mesma situación está o Granada, empatado a puntos mais con golaverage a favor.
     
  • Empate: a permanencia dependería do que ocorre nos outros tres encontros. O Almería xogará ante o Valencia, mentres que o Eibar enfrontarase ao Córdoba. Ambos equipos ocupan as dúas prazas de descenso por decidir, con dous puntos menos que o Dépor. En caso de empate e vitoria de Almería e Eibar, dependería dunha derrota do Granada contra o Atlético de Madrid. De quedar empatado a puntos con Almería ou Granada, quedaría por baixo pola diferenza de goles particular. 
     
  • Derrota: esperar que perdan ou empaten Eibar e Almería. Non puntuar no Camp Nou complicaría moito o futuro do conxunto herculino se algún dos equipos no descenso logran os tres puntos. 

Comentarios