Álex Marque despídese da Volta a Portugal cun quinto posto

Mauricio Moreira, ex do Vigo-Rías Baixas, gañou a Volta a Portugal. (Foto: Volta a Portugal).
O veterano corredor, terceiro na derradeira etapa da 'Grandíssima', estivo acompañado por Delio Fernández, sexto, no 'Top-10'.

No ciclismo estás só -ou soa- enriba da bicicleta, pero é un deporte de equipo no que as xestas individuais cada vez son  menos frecuentes, como demostrou o dominio absoluto do Glassdriva-Q8, que situou tres corredores nos catro primeiros postos dunha Volta a Portugal que foi para un ex corredor do Vigo-Rías Baixas, o uruguaio Mauricio Moreira.

Iso non foi óbice para que os catro corredores galegos realizaran unha grande actuación, rematando o veteranísimo Álex Marque como terceiro na derradeira etapa -unha contra o reloxo en Lisboa- e quinto na xeral, a 5.17 do líder. Outro ciclista da Galiza, Delio Fernández, foi sexto, a 6.54 de Moreira.

Carlos Canal correrá a Volta Ciclista a España

Os distintos equipos que serán da partida na Volta Ciclista a España, a rolda de tres semanas máis importante do calendario internacional en estrada despois do Tour de Francia e do Giro de Italia, oficializaron onte os nomes dos distintos corredores que participarán na proba.

Entre eles está o do galego Carlos Canal, que aos seus 21 anos formará parte por segunda vez da serpe multicor, nesta ocasión defendendo as cores do histórico Euskaltel Euskadi acompañando Xabier Mikel Azparren, Ibai Azurmendi, Mikel Bizkarra, Joan Bou, Gotzon Martín, Mikel Iturria e Luis Ángel Maté.

Segundo afirmou Jorge Azanga, responsábel deportivo do Euskaltel-Euskadi, o seu obxectivo será "intentar coar as mellores bazas posíbeis nas fugas para, se pode ser, pelexar por unha etapa", intención que encaixa á perfección coas características de Canal.

A diferenza do acontecido o ano pasado, nesta ocasión a Volta non pisará territorio galego, e, por suposto, continúa sen existir un equipo ciclista profesional do país desde que a Xunta, en 2010, retirara o seu apoio ao equipo Xacobeo.

Marco Veiga, profeta na súa terra

O rider galego Marco Veiga impúxose no MTB Downtown do Marisquiño de Vigo por unha diferenza ínfima (0,024) sobre Adrián González e Edgar Carballo (0,0392) nun circuíto que incluíu seis baixadas e na que participaron máis de 100 corredores e corredoras entre a modalidade masculina e a feminina, na que venceu Sara Yusto.