Adrián Ben renuncia ao Mundial en pista cuberta e enfoca a preparación cara a tempada de verán
O mediofondista galego fecha a tempada baixo teito tras proclamarse subcampión do Estado español en Valencia e prioriza a posta a punto para o Europeo de Birmingham, obxectivo central do seu calendario estival.
O atleta viveirense Adrián Ben decidiu, finalemente, non participar no Campionato do Mundo en pista cuberta despois de pendurar a medalla de prata no Estatal disputado no País Valenciá. Coa súa retirada da cita internacional, dá por concluída a campaña invernal e centra xa todos os esforzos na tempada ao aire libre.
Ben comunicou a decisión a través das súas redes sociais, onde fixo balance do inverno. “Subcampión de España. Resístesenos o ouro en pista cuberta, pero non hai nada máis motivador para 2027. Quería contarvos que aquí remata o meu inverno, xa que non estarei no Mundial de Toruń”, escribiu.
O galego explicou que, tras consensualo co seu equipo, consideran que “o máis acertado é parar agora e comezar a asentar as bases para o verán”. O gran obxectivo pasa por chegar nas mellores condicións ao Campionato de Europa de Birmingham, que terá lugar en agosto, cita para a que quere construír unha preparación sólida tanto no plano físico como no mental.
“Moi feliz polo conseguido nestes meses, con grandes marcas e algunha mellor marca persoal malia os contratempos. Só podo darvos as grazas polo cariño diario”, engadiu, antes de expresar tamén o seu recoñecemento aos patrocinadores e anunciar que toca “descansar un pouco… e volver ao traballo”. Así, a súa ausencia no Mundial, que se celebrará en Toruń, abre a porta a modificacións na convocatoria española.
