3 Cumios loita contra a climatoloxía e segue adiante co seu proxecto nos Andes

Manuel Viéitez, José Manuel Prieto e Tomás Porto no Perú. (Foto: 3 Cumios)
Na Terra de Lemos, tres amigos montañeiros decidiron o ano pasado levar a súa paixón polo deporte ao campo solidario. Estes días afrontan o reto de escalar cumios peruanos de entre 5.000 e 6.000 metros despois de ter que descartar o pico máis alto, o Huascarán (6.768 metros), polas condicións climáticas.

eporte e solidariedade van da man no proxecto 3 Cumios, unha iniciativa creada o ano pasado e levada a cabo por tres montañeiros da comarca de Lemos: Manuel Viéitez (Sober), Tomas Porto (Pantón) e José Manuel Prieto (Monforte). Agora mesmo atópanse nos Andes peruanos coa idea de escalaren varios dos máis altos cumes da zona. 

A expedición saíu da Galiza o 15 de xullo e os primeiros días mercaron e entregaron material para varios centros educativos, un dos obxectivos que se marcaron cando formularon o proxecto. Xa no plano deportivo, o primeiro reto que se propuxeron foi chegar ao cumio do Huascarán (6.768 metros) polo que comezaron por aclimatarse no Nevado Pisco (5.752 metros).

En contacto con Nós Diario, os alpinistas recoñeceron a importancia desta preparación nunha altura "onde a falta de oxíxeno é significativa e as baixas temperaturas que poden superar os -20º durante as noites". 

Outra dificultade á que se adaptaron nas primeiras semanas foron as características técnicas do terreo andino, "que presenta fendas glaciais e tramos de escalada técnica en xeo con pendentes de 70º de desnivel".

Cambio climático 

A semana pasada, despois de contrastar o estado do Huascarán, os tres montañeiros decidiron descartar o ascenso. Segundo outros alpinistas, como consecuencia das pouco habituais altas temperaturas que achacan ao cambio climático, deterioráronse todas as vías de acceso.

O perigo céntrase, sobre todo, nas pontes de xeo que facilitan a chegada ao pico. Por este motivo, estes días os tres montañeiros están procurando outros cumes con alturas de entre 5.000 e 6.000 metros que substitúan o Huascarán, mesmo noutras zonas próximas. 

Preparación e loxística

Antes de partiren, e desde que decidiron realizar esta aventura, os tres deportistas preparáronse a nivel físico e mental. "Cada un traballou en contexto diferentes, centrándonos no fortalecemento cardiovascular e muscular do tren inferior", aseguraron. Así, fixeron o maior número de escapadas á montaña que puideron, "especialmente á montaña leonesa, aínda que tamén adestramos con peso en mochila nas pendentes da Ribeira Sacra, que hai ben delas, no Courel ou nas devasas do monte Faro". 

Para o adestramento mental, o trío indicou que realizaron varias "ascensións técnicas invernais" que fixeron na cordilleira Cantábrica e as "técnicas de visualización do que nos agardaría" nas montañas peruanas. 

Con todo, estes aspectos non foron os que lles levaron máis traballo. "Un proxecto como este ten unha loxística de grandes dimensións, polo que, en ocasións, até tivemos que deixar de lado o adestramento e incluso a conciliación familiar de cada un", relatan. Varias reunións e contactos con patrocinadores privados e públicos -entre os que figuran institucións nacionais, provinciais e locais-, ademais de contar coa documentación e os permisos oficiais exixidos, foron  o seu día a día nos meses previos. "Houbo algunhas ocasións nas que nos vimos algo desbordados", admitiron.

Experiencia aventureira

Antes de formar o colectivo 3 Cumios os tres montañeiros xa se coñecían "desde hai anos". O actual é o seu "primeiro gran proxecto" mais con anterioridade realizaron diferentes viaxes e expedicións de menor envergadura. Unha delas foi previa á consolidación do grupo e nela trasladáronse até Mauritania, na súa fronteira co Sáhara Occidental, para escalar Ben Amera, o monólito máis grande de África, con 500 metros de altitude. Durante a viaxe tamén equiparon a primeira escola de escalada deportiva deste país, da que un dos membros de 3 Cumios é o seu fundador.

Outra das súas ascensións foi a do mítico Mont Blanc que, con 4.810 metros, é a cima máis alta dos Alpes e de Europa occidental. Esta expedición foi toda unha experiencia de preparación, traballo en equipo e superación que lles representou non só un logro deportivo, senón tamén unha viaxe chave na consolidación do proxecto e na construción do espírito que moveu de inicio 3 Cumios.

Un proxecto solidario 

Desde o comezo, os tres alpinistas tiveron claro que alén de aventura e deporte o seu proxecto tiña que ser solidario. Segundo os propios protagonistas, a idea é darlle ese matiz implicándose no impacto na economía local da comunidade que visitan.

"A nosa intención é deixar unha pequena pegada alá onde vaiamos, nesta ocasión, estamos axudando a escolas rurais da cordilleira Branca, dotándoas de material deportivo e de psicomotricidade, xa que pensamos que o deporte e a Educación Física son piares de desenvolvemento, de cambio e de promoción de valores universais", aseguran. Nesta ocasión recadaron algo máis de 2.000 euros que serviron para mercar material que entregaron a catorce colexios con 500 nenas e nenos do distrito peruano de Olleros.