21 paralímpicos galegos no camiño a Toquio

Presentada a lista de deportistas preseleccionados para os Xogos
2 paralimpicos
photo_camera Representación de deportistas que participaron no acto (Foto: Xunta da Galiza)

A triatleta Susana Rodríguez, o tirador Juan Saavedra, a atleta Adiaratou Iglesias, o taekwondista Alex Vidal e o piragüista Adrián Mosquera son cinco dos deportistas galegos que fan parte da lista de preseleccionados para os Xogos Paralímpicos de Toquio 2020 que se desenvolverán na cidade xaponesa entre o 24 de agosto e o 5 de setembro vindeiros. 

O grupo foi presentado esta quinta feira nun acto co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, que deles dixo seren "o exemplo perfecto de fortaleza e de capacidade de superación para moitas persoas e, máis aínda, despois dun período de enormes dificultades como a pandemia". 

"Susana cun diploma en Río e Juan cunha prata en Londres son os mellores guías para outros que veñen detrás como Adi, Alex ou Adrián que se estrearán no Xapón nuns Xogos Olímpicos", apuntou o representante do Goberno galego. 

Entre os nomes preseleccionados para formar parte do combinado estatal tamén está Desirée Vila, que esta mesma semana se clasificou tamén para a cita olímpica en salto de lonxitude. Outros integrantes son Gustavo Nieves (maratón), Jacobo Garrido (natación) e Martín de la Puente (tenis en cadeira de rodas).

Ademais, en plena carreira olímpica están tamén Agustín Alejos, David Mouriz, Manuel Lorenzo e Vicky Alonso, en baloncesto en cadeira de rodas;  ou Guillermo Javier Rodríguez, en tiro con arco.

Estes 21 deportistas fan parte dos máis de 250 preseleccionados en todo o Estado. A lista definitiva dos integrantes da delegación que viaxará aos Xogos Olímpicos de Toquio estará composta por uns 115 nomes e farase oficial na primeira quincena do mes de xullo. 

Deportistas de alto nivel

Neste sentido, Lete salientou que 15% dos preseleccionados para facer parte da delegación estatal en Toquio son galegos, un feito que responde a "un traballo intenso realizado por todo o tecido deportivo en prol dos deportistas con discapacidade e do deporte adaptado", sinalou o secretario xeral.

Dos 458 deportistas de alto nivel que hai en Galiza, 17 son dalgunha disciplina de deporte adaptado. Desde o ano 2004, as bolsas paralímpicas e olímpicas outorgadas pola Xunta teñen a mesma contía. 

Comentarios