1.200 deportistas tomarán os areais de Bueu na Xira de Balonmán Praia

A Xira realizarase integramente na praia de Banda do Río de Bueu (O Morrazo), con catro pistas de xogo, e constará de catro probas ao longo dos meses de xuño e xullo.
Xisela Aranda, Bruno López e José Ramón Lete, o 12 de xuño. (Foto: FGB)
Xisela Aranda, Bruno López e José Ramón Lete, o 12 de xuño. (Foto: FGB)

A Federación Galega de Balonmán (FGB) presentou esta quinta feira na Casa do Deporte de Vigo a Xira Galega de Balonmán Praia Xunta da Galiza 2025, o circuíto nacional da modalidade que máis medrou nos últimos anos no país, cunha cifra que supera os tres mil federados e federadas, e que aspira a converterse en deporte olímpico nos Ánxeles 2028. 

A Xira realizarase integramente na praia de Banda do Río de Bueu (O Morrazo), con catro pistas de xogo, e constará de catro probas ao longo dos meses de xuño e xullo. A primeira será o Torneo Deputación de Pontevedra Clasificatorio Arena 1.000 (do 12 ao 15 de xuño) ao que seguirá a Proba Xunta da Galiza (do 26 ao 29 de xuño). Xa no seguinte mes decorrerá a Proba Concello de Bueu (do 10 ao 13 de xullo) para rematar coa Proba Turismo Rías Baixas (do 24 ao 27 de xullo). 

90 equipos participantes

Segundo a federación, cada unha destas etapas contará con máis de 90 equipos participantes e un total estimado de 1.200 xogadores e xogadoras que se dividirán en cinco categorías, entre masculinas e femininas, nas que haberá alevín, infantil, cadete, xuvenil e sénior. 

Como consecuencia da alta demanda e limitación de espazos dispoñíbeis durante este verán nos areais galegos, o organismo federativo da Galiza estabeleceu un acordo coa Associaçao de Andebol do Porto, que permitirá aos equipos que non consigan praza na xira participar no circuíto portugués, puntuando igualmente para a competición nacional. 

Ademais, Galiza será tamén sede dunha das probas máis importantes do Arena Handball Tour estatal, coa do Arena 1.000 de Sanxenxo (O Salnés) na praia de Silgar, do 4 ao 6 de xullo, coa participación dos dous mellores equipos galegos clasificados en cada categoría. 

A federación, tal e como anunciou o ano pasado o seu presidente, quixo centralizar as probas en Bueu ante a dificultade de atopar praias nas que se poidan montar os campos necesarios para dar servizo á demanda existente. "O balonmán praia está a medrar moito, require dunha loxística moi complexa e dun investimento importante, nestes momentos somos a única federación autonómica que asume a organización plena das probas", asegurou o seu presidente, Bruno López.

Comentarios