Facer fronte ao veto: as estreleiras, outra volta á conquista de Valladolid

A armada celeste prepara un desembarco masivo este domingo en Pucela para apoiar o Celta. E si, moitos viaxarán coa estreleira ao campo que vetou a súa entrada

 

Celtarras
photo_camera Celtarras

O equipamento do Celta leva as cores da bandeira galega. Unha decisión adoptada en 1923, na asemblea fundacional do novo club, e non precisamente por casualidade ou por simple estética. Igual que o nome: Celta. Denominación que gañou a outras opcións (Atlantic, Unión, Olímpico). Ese 10 de agosto de 1923 @s asistentes á xuntanza apostaron, de certo xeito, en criar unha equipo que nacese fortemente ligado a un país. Oitenta anos despois, esa ligazón mantense. Unha ligazón que se expresa de moitas e heteroxéneas formas. E unha delas é a presenza habitual de estreleiras en Balaídos ou ben en aqueles estadios onde xoga o Celta, levadas pola afección celeste.

Este domingo, o Celta xoga en Valladolid. A armada celeste foxe de derrotismos e lamentos e prepara un desembarco masivo en Pucela para apoiar o seu equipo. #Eunonmebaixo ou #nonnosrendemos son dous HT empregados pol@s celtistas e que deixan ben ás claras que se vai loitar até o final

“Non faltaremos nós...nin a bandeira”

Diferentes peñas están a se organizar para viaxar a Valladolid a apoiar ao Celta. Malia o horario (domingo, 20 h), agárdase que centos de seareir@s fagan acto de presenza en Pucela, no estadio José Zorrilla. O mesmo campo no que hai dúas semanas o veto a que entrase a bandeira nacionalista galega indignou a seareir@s do Deportivo.

“Non é só a Valladolid. Eu sempre que vou ver ao Celta levo a bandeira coa estrela. Sexa en Balaídos, en Madrid, ou onde haxa que ir, e lévoa con orgullo”, comenta Henrique G., vigués.

“No teu peito, dúas cores / que defendes sen temor / branco azul do noso Celta / tamén da nosa nación” (Keltoi, 1923)

Xoán T, do Rosal, viaxará a Valladolid e, tamén, coa estreleira: “Eu sempre a levo cando vou animar ao Celta. Pero o curioso é que miña irmá e cuñado van ir a Valladolid e van levar bandeiras galegas, coa vaca no medio. E eles nunca eran de bandeiras!! eran só de bufanda do Celta!. Pero comenteilles o que pasou e queren ir con enseñas de Galiza”.

Comentarios