O XVII Festival de Cans estreará desde o 2 de setembro 15 obras e contará con dúas novas seccións

Aínda que con limitacións, os "chimpíns" da XVII edición do Festival de Cans, adiada á primeira semana de setembro por mor do coronavirus, quecen xa motores.
Festival de Cans XVII edición do 2 ao 5 de setembro 2020
photo_camera A Asociación Cultural Arela presentou onte a nova edición do certame arroupada por entidades e Administracións colaboradoras.

A unha semana do seu inicio, o certame presentou onte no Porriño a súa programación, onde 25 curtametraxes e 15 videoclips competirán nas seccións oficiais, entre os días 2 e 5 do mes vindeiro. 

A Covid-19 impuxo este ano novo calendario e novas normas, nas que a entidade organizadora, a Asociación Cultural Arela, primou a seguridade da veciñanza e das persoas participantes, con medidas como o "escudo protector" aos e ás maiores –non estarán no xurado, nin levarán os vehículos característicos nin se usarán para as proxeccións ningún dos seus "ghalpóns"–, redución espazos de proxección e capacidade dos eventos e actuacións en horario diúrno, ademais das restricións do uso dos "chimpíns", que só se usarán en traxectos curtos, cun máximo de catro persoas. 

Nesta edición, por vez primeira, os encontros e coloquios serán retransmitidos en directo en streaming.

Até 15 dos filmes que se proxectan son estreas, oito delas absolutas, entre as que destacan a curta de animación Reality, do director David Fidalgo, finalista da última edición dos Goya, ou Hijos del Cuerdo de Borja Santomé, gañador da sección de animación de Cans en 2018.

Gran parte das curtas serán estreas na Galiza, a maioría aínda moi pouco vistas en festivais, e algunhas delas estreas en España, como é o caso de Blacks and Whites, da cineasta coruñesa afincada en Londres Anita Pico, que vén de ser elixida nun proxecto de novas e novos cineastas que impulsa a BBC.

O festival terá ademais, este ano, dúas novas seccións, "Novas Camadas", que se inscribe dentro da sección competitiva e estará dedicada a cineastas debutantes, e "Directrices", na que se proxectarán obras dirixidas por actrices e actores.

Os protocolos de seguridade sanitaria levaron tamén a instituír, nesta edición, a venda de entradas e a inscrición previa nas actividades paralelas.

Esas limitacións xa se están a notar, segundo a organización, que onte anunciou que xa non hai localidades para a estrea en pantallas de cinema da longametraxe galega A illa das mentiras, de Paula Cons, e quedan poucas para as proxeccións de tarde e da sección oficial. No caso das entradas que dan acceso á sesión matutina do sábado 5, na que tamén se manterá un coloquio co cineasta  Oliver Laxe, a venda continúa a moi bo ritmo, indicaron. Os billetes poderán seguirse retirando até o vindeiro día 31, cando tamén se fecha a posibilidade para se rexistrar nas actividades de balde.

Como tamén sinalan desde o festival, entre as actividades que máis atención están reclamando destaca o coloquio Café con CREA coa directora e montadora Julia Juániz, que ten traballado con grandes directores como Carlos Saura, Basilio Martín ou Víctor Erice.

A presenza de Oliver Laxe no coloquio na Leira ou as actuacións de Henrik Rover e Amaro Ferreiro, serán, de seguro, tres dos momentos centrais do certame, que este ano recoñecerá co seu premio Pedigree o traballo da cineasta Manane Rodríguez

Homenaxe a Chano Piñeiro no aniversario do seu pasamento

O Festival conmemora o 25º aniversario do pasamento do cineasta Chano Piñeiro e faino cunha serie de actividades que se concentrarán na sesión do día 3 de setembro, aínda cando a súa pegada sobrevoará todo o certame.

Será nesa data cando se descubra a placa da rúa efémera co seu nome, que se recuperará cada ano, e cando terá lugar o coloquio "Chano Piñeiro, descubridor de actrices e actores" e a proxección de Mamasunción.

Comentarios