Miguel Anxo Seixas comisaria a mostra do cadro

A Xunta pecha o acordo para expor en Galiza 'A derradeira lección do mestre'

Participantes na sinatura do acordo polo que 'A derradeira lección do mestre' se exporá en Galiza.

Un acto en que interviron as cabezas visíbeis da cultura institucional galega serviulle á Xunta para pechar, na mañá desta sexta feira, o acordo co Centro Galicia de Bos Aires grazas ao que se exporá, por primeira vez en Galiza, A derradeira lección do mestre de Castelao.
 

A sinatura do convenio realizouse na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, que tamén acollerá a mostra do cadro no último trimestre do ano en curso. De “galeguismo integrador” cualificou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o proxecto expositivo -comisariado por Miguel Anxo Seixas, biógrafo do rianxeiro- en que se poderá ver unha obra que Castelo pintou no exilio arxentino en 1945. E que representa a violencia fascista, especialmente cruel cos docentes republicanos.

 

Para o presidente do Centro Galicia, José María Vila Alén, que o lenzo se amose no país natal do seu autor resulta “oportuno como demostración da achega” da diáspora. Certo debate sobre a pertinencia de que A derradeira lección do mestre quede en Galiza ou regrese ao lugar onde foi pintada por Castelao atravesou os medios culturais galegos nas últimas semanas.

 

O acordo asinado entre a Xunta e a institución da diáspora supón a cesión durante catro meses. O conselleiro explicou que o Goberno galego “non pedirá” o depósito da obra, engadiu que “o Centro Galicia é Galiza aínda que estea a dez mil quilómetros”.

 

No acto desta mañá tamén falaron os presidentes da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.