Xulio Maside, entre Apolo e Dionisio
"A figura humana con esa visión expresionista é a que máis me interesa, pero tamén necesito, porque é inseparable desa figura, o entorno ambiental no que sempre hai unha certa morbideza, unha atmosfera viciada. Son elementos que dan misterio á figura que aparece na miña obra. Xorde así a idea dunha paisaxe humana, parellas, grupos, multitudes, figuras que poboan a miña pintura e que proceden das miñas vivencias persoais e que substancialmente son comúns a todo ser humano. Farei notar a atmosfera erótica que aparece nos meus cadros, O Mirón, por exemplo. Non se trata de chegar ao erotismo minucioso senón de valorar a capacidade erótica da paisaxe, na que medra e se desenvolve o home.
As miñas figuras poden presentar certas similitudes. Son como perfiles ou siluetas pero non obedecen a algo involuntario. Toda a miña pintura responde a un proxecto consciente. Recordo a un personaxe que de mozo me obsesionaba e que utilicei con frecuencia e utilizo. É un home con sombreiro de aba ancha. Con el pretendo apresar un simbolismo un tanto dramático e opresivo non exento de connotacións eróticas. Resalto ese aspecto sórdido a través dun cromatismo sobrio e terroso. Todo na miña pintura é consciente. Non considero que o entorno sexa determinante, no meu caso son máis determinantes as vivencias persoais, porque a realidade circundante é cambiante e confusa. Para min o momento decisivo é a elaboración do cadro que supera sempre ao entorno. Ese momento único que só coñece o creador e que o converte nun privilexiado. Non pretendo caer nesa imaxe bohemia que tanto prexudicou á figura do artista. Entrar na pintura non é fácil e o verdadeiro entendido é unha absoluta minoría".
Xulio Maside
Caderno de notas
Mente e corazón
Xulio Maside (1933-2022) pertence á Xeración da Posguerra. A súa obra entra no rango de 'a outra pintura', tal como foi denominada por certa crítica, pois aporta un novo rexistro, non continuísta, con respecto da obra da xeración dos Renovadores do que forma parte esencial o seu tío Carlos Maside, "o pintor da mirada profunda, amarga e intelixente" (Alexandro Rodríguez Cadarso).
Na pintura de Xulio Maside hai aspectos que obedecen á tradición xunto a novidades moi significativas que identifican a inconfundíbel autoría, evidente na tripla ruptura, nos eidos conceptual, actitudinal e social.
—A Muller, a Parella, o Trío, a Multitude e as súas paixóns, protagonizan o asunto (Dionisio). Aínda que naquel momento hai pintores que reinciden no folclorismo e usan técnicas neoimpresionistas, a Xulio Maside móveo sempre a elaboración temperada en torno aos valores pictóricos esenciais (Apolo). Xulio formouse no taller do seu tío Carlos e nese estudio o apolíneo e o dionisíaco arbitran e regulan o "quid" da representación.
—Minucioso co cristal-semente (forma e asunto), Xulio reflexiona na mesma entidade da pintura. Sobre as técnicas, o tratamento do collage, a anatomía das formas, a transcendencia da liña e da mancha no lenzo. A organización do espazo descansa con frecuencia na liña ou en trazos moi soltos que van máis alá da mera representación para seren elementos substanciais da súa pintura acompañando, ás veces, a grisalla e a esluída, a tempera e o carbón. Estes elementos adquiren protagonismo na representación e xogan con ritmos alternativos que mobilizan a obra creando ese instante de comuñón no que as figuras e o contorno se confunden. O universo figurativo de Xulio Maside é dun xenuíno timbre coral que recoñece a música e a poesía e que se reafirma mantendo, paso a paso e con fidelidade, as liñas vertebrais da súa traxectoria.
—Activista cultural. Unha das facetas máis relevantes de Xulio Maside foi a de dinamizador do asociacionismo e das relacións socias. O Galo, a loita polo Taller de Gravado... presidente da Asociación de Artistas Plásticos, gravador, cartazista e ilustrador. "Para os mozos que viñamos de fóra, Xulio Maside foi tan referente de Compostela como as torres da catedral. Recordo como os xoves transmitíanos na conversa a súa paixón pola cultura, de pé diante dun bar, con palabras sobrias, rodeados de paisanos e feirantes na porta Faxeira" (Ramiro Fonte). A inmersión no tecido social, o entusiasmo por toda actividade creadora, converte a súa presenza nun repertorio de referencias, recordos e proxectos.
A misión do pintor é a de expresar en imaxes as emocións, que os demais só podemos sentir? Ser pintor é ser capaz de levar a un plano o mundo enteiro. Ser pintor é sentirse dotado para crear todo o que é seguindo a pulsión da mente e do corazón. Ser pintor é poder capturar as formas no momento preciso para dotalas de vida, en calquera ocasión. Ser pintor é o mandato de Apolo e Dionisio e tamén é alcanzar o pracer na súa celestial e olímpica compaña.
Utilizamos as expresións: o apolíneo e o dionisíaco como impulsos artísticos en aberta contradición, na medida que expresan o mundo plástico-figurativo, que remite a Apolo e á arte non figurativa que representa Dionisio. É a partir desta relación, de tensión e influencia mutua, que xorde a produción artística e a harmonía como conciliación de ambos os dous opostos.