Xaneco Tubío, luthier: "A pandeireta é hoxe un regalo de país, un regalo de nación"
Xoán Manuel Tubío, ‘Xaneco’, luthier galego especializado en instrumentos da música tradicional fai país coa música e a artesanía desde o seu obradoiro en Outeiro de Rei. Autodidacta na percusión, comezou a facer pandeiretas no seu obradoiro en 1994. É ademais presidente da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. No Día das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras, explica a Nós Diario o poder da pandeireta como instrumento e símbolo.
—Como empezou na percusión e como luthier dos instrumentos tradicionais galegos?
Son da xeración que nos anos 80 eramos adolescentes e entramos en contacto coa música tradicional, daquela o boom era máis a gaita, de forma oral porque non había tanto profesor especializado. No meu caso entro en contacto coa música tradicional e aprendo a percusión de forma autodidacta. De oficio era carpinteiro e empecei co reto de facer instrumentos co tambor e despois coas pandeiretas, e non só comecei a facelas senón que tamén daba clase. Cando empecei a dar aulas compraba as pandeiretas a un peneireiro da Carballeira de San Lourenzo, Compostela, e despois xa empecei a facelas eu.
—As pandeiretas hoxe son un dos instrumentos máis demandados nos obradoiros como o seu?
A pandeireta é hoxe un regalo de país, un regalo de nación. Personalízanse dese xeito. A min gústame que os instrumentos leven historia detrás e aproveito moitos elementos da natureza para decoralas, o noso país está cheo de simboloxía precristián, todos somos dunha aldea ou temos raíces nalgunha parroquia e ese é o símbolo escollido por moita xente para personalizalas. A pandeireta hoxe non está máis de moda que o ano pasado, é que hoxe visualízase na sociedade pero levamos moitos anos vendendo pandeiretas personalizadas e ben feitas. Fago series moi pequenas, pandeiretas moi elaboradas e acabadas e co criterio de que sexan instrumentos que duren moitos anos, soen moi ben e estean ben feitas.
—Cando empezou o boom?
Hai uns dez ou doce anos. Na pandeireta houbo unha evolución, até entón facíanse con ferreñas troqueladas pero empezouse a investigar e a introducir as ferreñas tradicionais que se facían de folla de lata, a reproducir instrumentos antigos e darlles unha reinterpretación. No momento en que hai artistas que utilizan a pandeireta no escenario, o instrumento ten que ter condicións técnicas diferentes para que non varíen coas condicións climáticas, por iso usamos parches sintéticos. Sen a visibilidade que hai hoxe coas miles de rapazas que están tocando a pandeireta sería imposíbel que houbese unhas Tanxugueiras, unhas Fillas de Cassandra ou mesmo un Xavier Díaz. Hai un corpus na base que non se vía até agora. As Tanxugueiras tiveron a oportunidade de amosar en prime time nunha televisión estatal como tocaban as pandeiretas e iso chegou a moitas nenas pequenas. Hai máis de 900 lugares onde se dá clase de pandeireta.
—Que fai falta para facer unha boa pandeireta?
É importante saber tocala, despois ter coñecemento de traballar a madeira. Eu emprego unha táboa dun metro de longo, fago cun molde de ferro que quento cun soprete para virala, e unha pelica de cabra e folla de lata para facer as ferreñas. O recoñecemento para os artesáns é que ao final obteñan instrumentos sinxelos de tocar, que soen ben e que duren moito.