Xermán Estévez: "É importante que se coñeza, se divulgue, se protexa e se aposte pola Ribeira Sacra"
Xermán Estévez Janeiro coordina unha obra coral que propón unha lectura cultural, poética e patrimonial da Ribeira Sacra. En Ribeira Sacra. Poesía e Historia, Paisaxe e Cultura (editado en Lar) diferentes autores achegan unha cartografía sensíbel para situar as lectoras e os lectores nun territorio cheo de vida e memoria.
—Como se articula a diversidade de voces do libro sen perder a mirada común sobre a Ribeira Sacra?
Aquí hai unha identidade e todos apostamos polo mesmo: apostamos polo patrimonio, a biodiversidade e pola protección do territorio. Tamén por máis investimentos e a existencia de plans directores. Todos os mosteiros que temos aquí, cun Románico importantísimo, necesitan un plan director. É imporante lembrarllo a todas as Administracións, pero neste caso sobre todo a Patrimonio da Xunta, que é quen ten as competencias. Iso está fallando e supoño que, co tempo, irá sendo corrixido e os concellos tamén apostarán por isto, xa que non se trata só de facer panfletos para que a xente veña ao catamarán e visite lugares bonitos como a bacía do Miño. Hai máis valor detrás e ese valor é das veciñas e dos veciños e, polo tanto, hai que estar con eles.
—O libro propón unha forma de mirar o territorio máis lenta e reflexiva. É tamén unha crítica ao consumo acelerado da paisaxe?
Si, e ao risco da masificación. Hai que facelo máis ordenado e sostíbel. Hai que apostar tamén pola xente que vive na Ribeira Sacra. A paisaxe está alí porque as veciñas e os veciños tiveron un sistema produtivo moi responsábel e haberá que continuar con ese sistema e protexelo. Non hai que invadir nin destruír. Todos os elementos patrimoniais son parte do noso territorio e da nosa historia. O libro e os autores que participan fano desde un punto de vista construtivo.
—Coordina un libro no que non só se fala de paisaxe, senón tamén de memoria. Canto pesa a memoria neste proxecto?
A memoria sempre está presente e é algo contemporáneo. Para dar vida tamén temos que lembrar. Os autores están moi circunscritos a este territorio, non lles hai que explicar como se configuran as vilas e as aldeas, e nese sentido temos un libro variado e á vez orgánico. Non é monolítico. Tratamos de analizar o patrimonio e os diferentes lugares que conforman a Ribeira Sacra. É importante que se coñeza, se divulgue e tamén que se protexa e se aposte por ela. Esa é a parte da memoria.
—Que pode achegar esta obra ao debate sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco?
É unha aposta que leva moitos anos, tendo en conta que hai moitos elementos patrimoniais importantes que están ben conservados e que non están adulterados polo impacto humano. Canto máis se achegue a un valor, pois isto indica que a xente o pode coñecer e se constrúen debates arredor diso. Fai que un territorio cunha singularidade estea nas axendas de todas Administracións, e iso é moi importante.
—Que lle gustaría que mudase na ollada das lectoras e dos lectores sobre a Ribeira Sacra?
Quero que teñan un concepto positivo, aínda que a mellor imaxe sempre é coñecer o lugar. O que achega o libro é un concepto do territorio moi persoal de cada autor. A persoa lectora métese no noso concepto pero tamén ten que ter o seu criterio, e o mellor criterio é visitar: ir a Chantada, a Quiroga, a Monte Furado... Visitar os lugares, cada un coa súa historia.