'Xeración Alfa' viaxa até Pontevedra para falar de xornalismo coa mocidade

Ana Loureiro, o 15 de maio no IES Sánchez Cantón de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
Ana Loureiro presenta a revista no IES Sánchez Cantón.

Xeración Alfa, a revista xuvenil promovida por Sermos Galiza S.A. en colaboración co Concello de Pontevedra, viaxou esta quinta feira até Pontevedra para presentarse no IES Sánchez Cantón desa cidade. A publicación, coordinada por Ana Loureiro e Rafa Ruíz-Matas, volveu aos quiosques acompañando ao xornal Nós Diario o 13 de maio. 

Ante máis de 90 alumnas e alumnos de bacharelato dese centro educativo, Ana Loureiro mantivo unha conversa "para dialogar sobre os temas que lles interesan". En opinión desta xornalista "Xeración Alfa é unha revista que nace para satisfacer as necesidades desa mocidade que non estaban cubertas de ter contidos informativos" polo que entende que "non tería sentido chegar e contarlles o que fixemos". Por este motivo, a idea participativa servirá "para deseñar un número de Alfa entre todos e todas". 

Loureiro asegura que, tras este quinto número desde que naceu e primeiro desta tempada, "estamos contentos e satisfeitos co produto que lanzamos". O segredo da publicación, para esta xornalista, é que "Rafa e eu temos 22 anos polo que conectamos de maneira doada co que están sentindo agora mesmo".

Por último, na actividade falouse de xornalismo. "Hai moito afastamento entre a xente nova e a profesión polo que fai falta máis información e saber como se fai un xornal por dentro", conclúe Loureiro. 

O Alfa das Letras

Neste novo número, Xeración Alfa lembra a poesía popular, recoñecida este ano pola Real Academia Galega co gallo do Día das Letras Galegas, na figura de Mondra. Ademais, fai unha inmersión no Carballo Interplay e presta atención Alfa á canteira do deporte galego, nunha reportaxe sobre mozas e mozos que xa destacan en varias disciplinas.

Por último, a sección Lingua Viva propón toda unha homenaxe ás Letras Galegas a través de grupos como Caamaño e Ameixeiras, creadoras de contido como Joel Padín ou tamén pandeireteiras como SonSandrinha.