Xaquín Marín, un imprescindíbel do humor gráfico, protagoniza o 'Sermos Galiza'

Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.
Neste novo número do semanario cultural de 'Nós Diario', á venda durante toda a fin de semana, falamos tamén do comezo da tempada de cogomelos e de cales poden comerse e cales non, así como de Batalha, "a casa de todos os cinemas", entre outras moitas novidades.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez o protagonista é Xaquín Marín (Ferrol, 1943), un dos humoristas gráficos imprescindíbeis do país. O público sábeo e, aínda que non foi o primeiro recoñecemento que recibía, o pasado día 7, coincidindo no tempo co seu oitenta aniversario e coas seis décadas de carreira artística, foi protagonista da gala coa que a Federación Galiza Cultura homenaxeou "o humorista gráfico galego máis relevante despois de Castelao".

"Nunca agardei chegar a este momento. O que si agardaba eran outras cousas, outras glorias. Eu pensaba que era un gran pintor e que ía ser un privilexiado no mundo da arte. Eu era un obreiro do naval que tiña ínfulas de artista, así que quería ser pintor a toda custa. Tiña moita vocación e aproveitaba calquera descoido dos xefes, do operario cando eu era aprendiz, para pórme a debuxar. Pretendía ser pintor", comenta, nesta extensa entrevista do Sermos que asina Xosé Gómez.

Tempo de cogomelos

A primeira reportaxe deste número do semanario corre a conta de Alejandro Mínguez, que nos ofrece unha escolma de cogomelos que pasaron de ser comestíbeis a tóxicos. A humidade e a temperatura suave de outono e primavera propician a aparición de especies en distintos hábitats, malia que cogomelos, haber, hainos todo o ano, comestibles e tóxicos. Cada vez hai máis afeccionados, máis actividades formativas, saídas... Pero tamén todos os anos hai ingresos hospitalarios por intoxicacións causados por falta de formación e ausencia de precaución. A divulgación micolóxica galega, iniciada en 1961, aínda ten moitos capítulos por escribir, malia o avance nesta materia, e restan accións en formación regrada e micoturismo.

"A actual tempada silvestre de cogomelos na Galiza chegou con certo adianto en relación aos últimos anos. As chuvias de inicios de setembro deron como resultado a aparición de especies en distintos hábitats de interese culinario e tamén tóxicas. Excelentes Boletus edulis e Macrolepiotas proceras comparten espazo coas mortais Amanitas phalloides. A única regra no mundo dos fungos é que non hai regras. Hai que ter unha formación mínima para saír ao campo e moita precaución", advirte Mínguez.

Batalha: a casa de todos os cinemas

A apertura en decembro de 2022 do Batalha Centro de Cinema devolveulle á Baixa do Porto un edificio de intensa historia para usos culturais. Un espazo dedicado ao coñecemento e a arte que nace a partir do cinema e celebra con entusiasmo a complexidade e a diversidade da creación do pasado e do presente. Unha casa para pensar o mundo a través dos filmes en diálogo aberto con toda a cidadanía. Martin Pawley achéganos a Batalha na segunda reportaxe do Sermos.

"Moito antes do Batalha existiu o Salão HighLife. No verán de 1906, Manuel da Silva Neves e Edmond Pascaud abriron con esa denominación unha barraca para a exhibición de cinema na Feira de San Miguel, na actual Rotunda da Boavista portuense, próxima á Casa da Música. Foron apenas dous meses, despois dos cales levaron o salón ao Jardim da Cordoaria, a cen metros da Torre dos Clérigos, e alí ficou até febreiro de 1908 en que o trasladaron ao seu emprazamento definitivo na Praça da Batalha cun adxectivo anteposto ao nome, agora Novo Salão High-Life, que nuns anos derivou no que ficaría para sempre, Cinema Batalha", sinala.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira analiza na sección de Libros diferentes obras, a comezar por Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos, de Aurora Marco (Editorial Alvarellos, 2023). E Susana Sanches Arins fálanos de Pícache a curiosidade?, de María Canosa (Cumio Editorial, 2023).

No apartado musical, Belem Tajes analiza o disco Manual de Romaría, de Rodrigo Cuevas (Sony Music, 2023), así como outras novidades do sector, e César Morán asina o artigo 'Arrión: quando emergem os cantos populares'.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Misterio en Venecia, de Kenneth Branagh (EUA, Reino Unido e Italia, 2023) e outras películas de estrea. E o colectivo Xea, na sección Andar e Ver, trasládanos ao litoral da Capelada e Ortegal. No apartado de Escena, Manuel Xestoso analiza a obra Iphixenia na porta do súper (Compañía humana)

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!