Xaquín Lema, músico: "Non nos fechamos no 'metal', mais esta foi a nosa identidade desde o instituto, e en galego"
Fálenos desta canción, "Lume e espiñas", que veñen de facer pública.
“Lume e espiñas” é un dos primeiros temas que fixemos como banda e, basicamente, fala dun problema que parece endémico da Galiza, porque todos os anos hai moitos incendios no noso monte, é unha problemática recorrente. Esta canción en concreto naceu en 2017, cando se produciu unha vaga de incendios durante o mes de outubro. Daquela eu estaba na zona de Lugo e tiña compañeiros que o viviron moi de preto...
Ten o punto de pórse na situación de enfrontarse ao lume, da impotencia, da rabia... E tamén é crítica, porque obviamente isto acontece polo problema dos eucaliptos, e tamén todos sabemos que se usan os incendios para recalificar... Queriamos facer un pouco de crítica e amosar solidariedade coas persoas que viviron os incendios de preto.
Teima é unha banda de metal na que as cancións se interpretan en galego.
Coñecémonos desde o instituto, e xa alí empezamos co hard rock e co metal, dalgunha forma era o noso sinal de identidade, o que tiñamos en común como grupo. E pouco a pouco fomos tirando cara a aí, escoitando bandas da Galiza como Nao, Machina, Arritmia ou Broa, que tamén sacaron tema ultimamente... O metal sempre foi algo común, aínda que non só escoitemos este estilo musical, por exemplo, o batería, Pablo, e o guitarra, Mateo, tocaron música tradicional moitísimo tempo e seguen a tocar... Así que, non é quen nos fechemos no metal, mais si que foi un pouco a nosa identidade desde o instituto.
E facémolo en galego, máis alá da ideoloxía, que tamén, porque queremos transmitir a nosa lingua, a nosa forma de vida. Tampouco tería moito sentido expresarnos noutro idioma, nós falamos sempre galego, nesta zona practicamente todo o mundo o fala, non tería sentido cantar noutra lingua se queremos ser un pouco auténticos, un pouco sinceros.
E logo deste primeiro "Lume e espiñas", que é próximo?
Temos varios temas compostos, de feito xa contabamos cun pequeno repertorio para saír a tocar en directo o ano pasado. Este tema e outro máis xa están gravados, como digo, desde hai máis dun ano, pero non foi posíbel sacalos en 2020 por mor do confinamento derivado da pandemia da Covid-19. Queriamos poder tocar en directo e sacar algo de diñeiro, aínda que non fose moita cousa, pero que cando menos nos permitira seguir gravando.
Mais con todo isto do coronavirus veuse todo un pouco abaixo. Aínda así, a nosa idea segue a ser a de traballar, mesmo está a opción de facer unha campaña de mecenado para gravar algún tema máis e incluso sacar un EP. Mais de momento temos que tomalo con calma.
Preséntenos a banda e mais o seu estilo.
Somos catro colegas de toda a vida que viñamos de facer proxectos semellantes, noutros grupos que ían nesta dirección mais que finalmente non acabaron de saír. Pablo, na batería, Mateo na guitarra e na voz, Fabio no baixo e eu na guitarra e na voz.
Pablo e mais eu tamén participamos noutro grupo, mais tiñamos a inquedanza de formar unha banda de metal e de a encamiñar cara ao que levabamos facendo de rapaces. Conformamos Teima nun par de anos e case todos os temas os compuxemos xuntos. Somos un grupo que experimenta bastante e non nos fechamos cun estilo concreto, o seguinte tema é tradicional mais nós levámolo ao noso modo, rock, stoner, metal.