Xan Rodiño: "Estamos nun momento histórico de mudanzas, como ten acontecido no pasado"

Xan Rodiño é licenciado en Ciencias da Educación e un dos impulsores da Liga Nacional da Billarda, que desde este ano conta con federación deportiva. Coñeceu o fútbol profesional como xogador durante sete tempadas da SD Compostela, tendo adestradores como Arsenio Iglesias ou Fernando Castro. Agora vén de publicar o libro 'Poesicatrices' (Edicións Fervenza) no que mostra a súa esperanza no futuro da humanidade.
Xan Rodiño foi o gañador da xornada. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xan Rodiño dedica unha boa parte da súa vida ao deporte e á literatura. (Foto: Nós Diario)

-Como se xestou a súa obra Poesicatrices?

Comecei a escribilo ao redor de 2012, aínda que veu a partir de analizar o movemento social, económico e cultural que podemos dicir que se iniciou en 2008. Entre 2005 e 2010 fixen o que se chama "viaxes solidarias" nos veráns cunha Organización Non Gobernamental (ONG) e visitei varios países de África e América. Decateime do afortunado que son de pertencer á especie humana e de que a evolución supón, en certos momentos, crises das que saímos ou non, mais a especie continúa. Remateino hai tres anos mais non tiven unha urxencia na súa publicación. Fala da transformación do ser humano que, a través desa enerxía poderosa chamada amor, pode cambiar cousas en nós e no que temos na nosa contorna. O que puxen no papel son emocións e sentimentos. Estamos nun momento histórico de cambio, como ten acontecido no pasado. Agora estamos máis próximos e os medios de comunicación son tan potentes que nos damos conta do que acontece con dez ou quince anos de distancia. 

Antes tiñan que pasar 50 ou 100 anos para ter unha perspectiva. No libro percíbese que creo no ser humano e na súa capacidade de evolución, de transformación, de metamorfosearse para ir camiño, intúo, da convivencia. Non nos vai quedar outro remedio que aprender a convivir.
 
-Coa pandemia evolucionou o seu pensamento?

A finais do século XX deixara a miña etapa como futbolista e xa entrara en contacto cunha ONG, unha maneira de mirar máis alá das nosas fronteiras e ver que a vida humana desenvólvese de formas diferentes segundo a sorte xeográfica que tiveras ao nacer. Foi o que me induciu a pensar nos cambios como froito das crises. Agora a pandemia, para min, non é máis que outra pequena crise. Dela a humanidade sairá transformada. Despois virán outras que tamén nos collerán a contrapé.

-Que conexión hai entre o libro e a billarda?

Moitas. O prólogo é do profesor Xosé Luna, que coñecín a través deste deporte. Tamén nas ilustracións, que son de Xosé Manuel Seixas, compañeiro meu da billarda. Coincidiume en 2003 a recuperación da súa práctica e rematou este ano coa creación da Federación de Deportes Autóctonos e a consideración como modalidade deportiva. É unha metáfora do que nos acontecerá á humanidade. 

Agora estamos coa pandemia e nuns anos rematará para comezar unha nova vida que é o que agora ten a billarda con novos practicantes e o recoñecemento dun patrimonio cultural por parte do pobo galego.

-Notou ese cambio de pasar dun deporte de masas como o fútbol a outros máis minoritario como a billarda?  

Vivín de perto a chegada do fútbol. Na miña infancia xogaba á billarda e a outros xogos populares. Logo sucedeu que chegaron as pistas de asfalto aos colexios e reducíronse os espazos de terra, polo que deixei de practicala e paseime ao fútbol, que era o estímulo que tiña máis perto. Estaban os medios de comunicación, os ídolos, ... dediqueime ao fútbol e foi fantástico. Aprendín certos valores e como actuar en grupo. O caso é que medrou moito e continuaba cos valores positivos, como o de compartir un vestiario ou o compañeirismo, con outros negativos nos que hai intereses económicos e certa hostilidade. Volvín á billarda e decateime de que os que comezamos nese xogo podemos crear outra cousa. Chegar a ser un deporte maioritario e que non teña ao seu arredor todos eses outros factores que o fagan violento, agresivo e deshumanizado.

Comentarios