Xacio Baño regresa a Lorcano con “Eco”

O director Xacio Baño regresa ao Festival de Lorcano coa curtametraxe Eco que se estrea esta cuarta feira dentro da sección Pardo di Domani. Baño repite despois de levar ao prestixioso festival suízo o pasado ano o filme Ser e voltar. 

Xacio Baño
photo_camera Xacio Baño

Se o pasado ano Xacio Baño presentou Ser e voltar no Festival de Lorcano, este ano estrea Eco, unha curtametraxe rodada en galego na que, a través da lectura dun fillo e a súa parella dos diarios da súa nai se entremestura a memoria persoal e histórica. 

Un andar na Coruña é o escenario deste novo traballo dun dos nomes de relevancia do que se deu en chamar Novo Cinema Galego. A historia nace cando Xosé Barato, que se ía converter en figura central do filme canda a súa compañeira Rocío González, lle propón gravar a mudanza do piso no que a súa familia vivira durante moitos anos. Os diarios dunha muller son o elemento clave a través dos que a historia se revela nunha introspección na que se dan a man a realidade e a creación, a historia persoal e a social, o documental e a ficción.

“A Eco quitáronlle a voz, e condenárona a repetir o que dicían os demais. Anulada, decide refuxiarse nunha cova e afastarse do trato humano”, é a lenda da presentación da nova curta de Baño. Eco proxectarase este día 13 no Festival de Lorcano e tamén os días 14 e 15. 

Eco - trailer from Xacio Baño on Vimeo.

Comentarios