Se o pasado ano Xacio Baño presentou Ser e voltar no Festival de Lorcano, este ano estrea Eco, unha curtametraxe rodada en galego na que, a través da lectura dun fillo e a súa parella dos diarios da súa nai se entremestura a memoria persoal e histórica.
Un andar na Coruña é o escenario deste novo traballo dun dos nomes de relevancia do que se deu en chamar Novo Cinema Galego. A historia nace cando Xosé Barato, que se ía converter en figura central do filme canda a súa compañeira Rocío González, lle propón gravar a mudanza do piso no que a súa familia vivira durante moitos anos. Os diarios dunha muller son o elemento clave a través dos que a historia se revela nunha introspección na que se dan a man a realidade e a creación, a historia persoal e a social, o documental e a ficción.
“A Eco quitáronlle a voz, e condenárona a repetir o que dicían os demais. Anulada, decide refuxiarse nunha cova e afastarse do trato humano”, é a lenda da presentación da nova curta de Baño. Eco proxectarase este día 13 no Festival de Lorcano e tamén os días 14 e 15.
Eco - trailer from Xacio Baño on Vimeo.