Xabier P. Docampo: "A infancia márcame como escritor por un camiño que é a lingua"

Xabier P. Docampo plantará unha cerdeira en Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei), nos espazos que marcaron a súa infancia. Será na homenaxe Escritor na súa Terra.

Xabier P. Docampo
photo_camera Xabier P. Docampo

O de Xabier P. Docampo é un dos grandes nomes da nosa historia literaria, con máis de trinta títulos publicados, en especial de literatura infantil e xuvenil. Con Xabier P. Docampo falamos da infancia, da lingua e da Terra Chá, evocacións que veñen ao fío da cerdeira que plantará en Castro de Lea, onde pasou os máis importantes anos da súa vida. 


-Por que escolleu Castro de Ribeiras de Lea para a homenaxe da AELG?

Cando tiña sete meses fomos para Castro e alí nos instalamos. Cando me dixeron do acto o primeiro que digo é Castro de Ribeiras de Lea.Era o espazo no que me apetecía recibir unha homenaxe como esta. 

-Recoñécese chairego e fillo de chairegos. Que ten a Terra Chá para ter tanta presenza na nosa literatura?

Quen nos axudou a identificarnos con ese territorio foi Manuel María, aprendeunos a identificarnos con el. Que haxa moitos escritores da Terra Chá non deixa de ser unha casualidade, que eu sempre digo, en brincadeira, que se debe a unha pataca propia de alí. O importante, ao meu ver, é que desde  Manuel María nace o territorio como espazo e referencia literaria. Podemos dicir que a Terra Chá é un territorio literario e foi creado por Manuel María.

"A Terra Chá é un territorio literario e foi creado por Manuel María".

-Como marca esa orixe na súa traxectoria literaria?

Como escritor márcame por un camiño que é a lingua. A literatura non é só contar historias, que tamén se contan, claro está. A esencia da literatura é a linguaxe. Se colles a listaxe das persoas que a AELG tan xenerosamente homenaxeou comprobas que todas van ao lugar onde para eles naceu a linguaxe, a palabra. Logo hai toda unha serie de sucesos, de elementos que van quedar alí. Moitos psicólogos din que somos o que nos sucedeu antes dos 3 ou dos 5 anos e podemos, se iso, pasar a sete, mais aí está todo. 

-E nese tempo a casa aparece como referencia, coa imaxe de seu pai e a súa nai na cociña contando historias como relata nun extraordinario texto autobiográfico. 

Meu pai transmitíanos unha tradición e unha cultura desde a oralidade, na que a palabra oral era a que contaba, unha amaneira de nos dicir que estabamos no mundo sendo isto, crendo nisto, o que logo chamariamos sermos galegos. Miña nai transmitía ademais cultura no sentido máis sofisticado. Cosía e eu escoiteille recitar a San Juan de la Cruz, cantar tantos ou cuplés ou contarme novelas que tiña lido. Pasei moitas horas ao pé da máquina de escribir escoitando as súas historias e como ela recitaba a San Juan e logo me explicaba en galego o que quería dicir. Todo isto acaba por desexar converter o instrumento da vida que é a linguaxe nun instrumento de arte. 

-Naquel tempo vostede era un neno galego falante nunha escola rural. 

Descubro o castelán como lingua cando entro na escola. Aceptei que cando entraba por aquela porta a miña lingua cambia e pouco a pouco voume introducindo na outra mais a miña é a que tiña na casa e cando saiamos, no recreo ou no camiño, recuperabamos a nosa lingua. Pasei o meu primeiro ano na escola das nenas porque na de nenos tivera un desencontro co profesor o primeiro día. Comparo aquela situación coa da nosa lingua. Cando saia ao recreo xogaba coas nenas á mariola ou á corda que non aprendería se non me tivera acontecido aquilo. Cando saía xa xogaba á billarda ou coa pelota. 

"Se colles a listaxe das persoas que a AELG tan xenerosamente homenaxeou comprobas que todas van ao lugar onde para eles naceu a linguaxe, a palabra".

- Por que afirma que se fixo escritor porque ten memoria de si e dos seus?

Porque así é aínda que esa memoria tamén mestura as cousas, e non sabes o que aconteceu nun lugar ou noutro ou mesmo se aconteceu. No meu tempo iamos a moitas casas, pasaba tempo na dos meus avós e tiñas outras experiencias. Os nenos trasladábanse moito e os recordos confúndense. A literatura nace de todo iso, dun desexo de contar que nos sucede ás persoas que nos contaron ou nos leron contos. Escoitar historias era tamén unha forma de lelas. Na miña infancia vivín nun mundo de historias, fose polo camiño que fose, porque a miña xeración tamén estaba moi influenciada polo cinema. 

-Arredor desa oralidade e tamén desa paixón polo cinema aparecen esas outras actividades súas moito menos coñecidas que a súa faceta de escritor. Falo de que vostede tamén traballou como actor,  director, guionista... 

Hai dúas razóns para que sexan menos coñecidas. Por unha parte, certo é que os medios atenden moito máis á literatura que ao teatro ou o cinema e iso fai que determinadas actividades aparezan menos. Por outra parte tampouco foron tan importantes aínda que sexan apaixonantes. Agora, poño por caso, estou tentando acabar unha curtametraxe que rodei hai 32 anos. Como actor non era bo actor e hai un momento no que decidín conservar o amor polo teatro mais deixar que sexan outros os que o fagan. As persoas que nacemos co desexo de que o noso mundo sexa máis vivíbel e tentar contribuír no que podamos rematamos por facer sempre o que nos piden. A literatura infantil e xuvenil galega está relacionada coa necesidade que encontramos os docentes de contar con materiais literarios na escola. Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Miguel Vázquez Freire e un montón máis de profesionais posibelmente nos dedicaramos a escribir de todas as maneiras mais tamén eramos conscientes de que tiñamos que poñernos porque era necesario para o país. 

-Con que nos sorprenderá nesa curtametraxe de máis de trinta anos?

É unha historia infantil. Naceu dun curso que fixemos en Santiago da que saíron moitos técnicos da TVG. Era unha práctica na que escribín o guión e co-dirixía.  Daquela precisabamos pagar nós a produción e o tema quedou parado cando chegou o momento de montala. Quedaron as cintas e agora decidín rematala xa que estaba todo o material e só lle faltaba unha secuencia de tres ou catro planos. 

" A literatura infantil e xuvenil galega está relacionada coa necesidade que encontramos os docentes de contar con materiais literarios na escola".

-E que me conta da novela para público adulto que iniciou hai máis dunha década? Desde entón xa leva publicado moito.. 

Agora si que creo que vai saír.  Debina iniciar hai cousa de trece anos. O problema de non tela rematado creo que é porque sei demasiado dela. Para escribir preciso saber menos. Até sei como remata. Enmárcase nunha vila pequena que eu invento e narra uns feitos que suceden no ano 1948 no que chega unha nena porfillada por un matrimonio moi rico. Esa nena vai vivindo unha vida moi triste, padecendo unha educación que se fai a paus, a base de rigor e conto como procura liberarse. 

-Por que escolle unha cerdeira para plantar nesta homenaxe?

É a árbore que máis me gusta Teño unha cerdeira e en abril está marabillosa. Na casa de Castro había unha moi grande e teño a lembranza daquela cerdeira que se pousaba no lousado. Sempre me imaxinaba de cativo sentado naquel lousado apañando as cereixas. 

-Quen se encargará da laudatio é o escritor e amigo Agustín Fernández Paz, tanto un como o outro son dos máis premiados e recoñecidos. Son a xeración que recupera o entusiasmo na nosa literatura?

Somos a xeración que soñamos novamente este país. A Xeración Nós fundou o país e sabemos da súa importancia mais a nosa é a que volve soñar nunha patria liberada e iso danos pulo para facer moitas máis cousas. E seguimos. 

"O desgrazado é cando o medo te paraliza.Teño moitos medos con cousas que lle poden ocorrer ao meu país mais iso é tamén o que me leva a actuar"

-Como ensinante e como escritor, a defensa da lingua sempre foi unha das súas maiores preocupacións. Como valora os recentes dados que falan de que só en 7 dos 289 centros das cidades se imparte a educación infantil maiormente en galego?

Trátase dun delito de “lesa patria”, un dos máis grandes que un gobernante pode cometer, programar o final do seu propio país. Ninguén pode dicir que non sabe que, si desaparece a lingua morre o elemento, o noso escudo, como dicía Cabanillas. Hai que ter en conta que o 48% dos pais dos nenos das cidades contestaron que desexaban que as aulas fosen en galego cando se lle preguntou, nunha enquisa coa que se quería manipular a opinión. Sen embargo, só se está a dar nun 2%. O porvir da lingua, a normalización, ten un punto fulcral na escola. Se non se modifica esta situación as consecuencias serán gravísimas. Compre facer entender que sumar é mellor que restar. Eu nas autoridades xa non confío mais si na cidadanía. 


-O medo ten unha gran relevancia na súa escrita e mesmo no inicia a súa breve autobiografía publicada no seu blogue cun texto de Cando petan na porta pola noite sobre os seus medos, sen embargo en O país adormentado, aposta por unha sociedade que venza os seus medos. Cal é a posición?

Os medos infantís son necesarios para a formación do individuo e forman parte da vida das persoas. O medo existe mais de nós depende que non sexa un medo paralizante. O desgrazado é cando o medo te paraliza. Non pode haber medo que nos impida vivir, temos que enfrontarnos a eles. Teño moitos medos con cousas que lle poden ocorrer ao meu país mais iso é tamén o que me leva a actuar

Comentarios