O WOS Festival anuncia a súa volta o próximo setembro

Actuación de Shackleton & Zimpel con Siddhartha Belmannu e Pedro Maia na edición de 2023. (Foto: Leo López)
O encontro declarara unha pausa no ano 2024.

Desde a organización do WOS Festival acaban de aproveitar a felicitación do aninovo para avanzar que no vindeiro mes de setembro terá lugar unha nova edición do festival en Santiago de Compostela, como nas sete edicións xa celebradas. As datas definitivas aínda non son públicas pero desde a promotora Work On Sunday anuncian que en breve darán a coñecer máis detalles desta nova cita. 

O ano pasado, o WOS Festival declarou unha pausa alegando que "o contexto no que se desenvolve o festival cambiou drasticamente". O aumento dos custos, dicíase naquel comunicado, facía moi difícil "que o proxecto teña a calidade que desexamos e que o noso público merece".  A pausa, daquela, serviría como "un privilexio que nos vai permitir repensar WOS en todas as súas dimensións" e para "explorar novos formatos, novos escenarios e novas sinerxías de cara a 2025". 

Aquel anuncio fixo temer o peor de cara á continuidade dun festival dedicado ás músicas e as creacións audiovisuais máis experimentais, que contrastaba cos obxectivos máis comerciais da inmensa maioría dos festivais realizados nesas datas.

WOS é un encontro que durante as sete edicións celebradas defendeu unha visión ampla da cultura alternativa e de vangarda. Coa música como principal motor pero cunha clara vocación multidisciplinar, promoveu, desde un contexto íntimo, a busca e difusión de novas propostas culturais: música, artes plásticas, cine, artes escénicas, coloquios, conferencias e gastronomía. Recibiu, entre outros, o premio a mellor Festival Indoor de Europa nos European Festival Awards.